Lugo

Lugo
  1. [ONOM]

    Topónimo e antropónimo que provén do latín lucus ‘bosque sagrado’, aínda que a súa orixe pode estar noutras linguas. Empregouse, sobre todo, como nome persoal durante a Idade Media. A cidade de Lugo denominouse en tempos do emperador Augusto (s I a C) Lucus Augusti, aínda que nun principio era só un campamento fortificado destinado a vixiar a recollida e embarque do ouro cara a Roma.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que a tradición fai descender do conde Rodrigo de Romaes, neto de Froila I. As súas armas traen, en campo de goles, unha cruz flordelisada de ouro, chea de sinople, e angulada de catro espigas, tamén de ouro. Algúns levan escudo partido: primeira partición, en campo de ouro, con tres bocas ao natural sobre ondas de azul e prata, sumadas de cadansúas matas de sinople, de sete follas; segunda partición, en campo de goles, cunha cruz floreteada de sinople, perfilada de prata e angulada de catro espigas de ouro. Outros, en campo de ouro, uns peixes flotando en ondas de azul e prata, sumadas dun castelo de pedra; bordo de goles, con oito aspas de ouro.