lupa

lupa

(< fr loupe)

s f [FÍS]

Instrumento óptico que consiste nunha lente converxente que se interpón entre os obxectos próximos e o ollo para velos aumentados. O aumento da lupa depende das posicións relativas do obxecto, a lente e o ollo. Para que o ángulo baixo o que se ve o obxecto sexa máis grande ao observalo coa lupa que ao facelo a simple vista, cómpre situar o obxecto entre o foco obxecto da lente F e a lente mesma. O aumento visual da lupa é o aumento nas condicións óptimas. Defínese tamén o aumento comercial da lupa, que é o aumento do caso en que o obxecto está situado no foco da lente, de xeito que os raios saen desta paralelamente ao eixe óptico. Normalmente interesa facer a observación de maneira que non sexa necesario ningún esforzo de acomodación do ollo. Isto acádase cando a imaxe está no infinito, é dicir, cando o obxecto está no foco da lente.

Frases feitas

  • Examinar/mirar con lupa. Observar ou estudar algo con moita atención.

Palabras veciñas

lúo | Luou | Luoyang Loyang | lupa | Lupa | lupaca | lupanar