luteranismo
(
Conxunto doutrinal e movemento cristián que tivo a súa orixe en Martiño Lutero. Os seus documentos confesionais son os dous catecismos de Lutero (1529), a Confesión de Augsburgo (1530), a apoloxía de Augsburgo (1531), os artigos de Esmalcalda (1537) e a Fórmula da Concordia (1577). Os seus puntos básicos son a xustificación pola soa fe, a palabra de Deus como norma exclusiva de fe, a salvación pola imputación dos méritos de Xesús Cristo, o sacerdocio universal dos fieis, o concepto de memorial para suscitar a fe aplicada aos dous sacramentos aceptados, bautismo e eucaristía, pero principalmente referido á eucaristía ou cea, da que se exclúe toda referencia ao sacrificio; e o concepto de Igrexa como congregación dos santos. Comezou a implantarse despois da Dieta de Worms (1521), e a repercusión das ideas luteranas no ámbito social provocou, entre 1522 e 1523, o alzamento dos cabaleiros, cobizosos de conseguir unha nova posición cos bens secularizados, e, entre 1524 e 1525, o dos campesiños, vinculados ao primeiro movemento radical dos anabaptistas. A política do Emperador Carlos V favoreceu a situación dos príncipes asociados ao luteranismo, que formaron sucesivamente ligas militares. Os coloquios de relixión fixeron imposible refacer a unidade relixiosa, que quedou rota en 1555 pola Paz de Augsburgo, ratificada pola Paz de Wetsfalia en 1648. Mentres, o luteranismo difundírase en Dinamarca con Cristián III de Dinamarca (1534-1559) e en Suecia con Gustavo I de Suecia (1523-1560) e Xoán III de Suecia (1569-1592), quen lle deu a forma luterana actual. Penetrou tamén, en parte, en Holanda. En Prusia entrou en 1525 debido á secularización do gran mestre da orde teutónica, Alberte I Aquiles de Brandenburgo, e de alí pasou aos países bálticos. A finais do s XVII formáronse as primeiras comunidades luteranas en América do Norte, que atoparon en M. Mühlenberg ao organizador ao longo do s XVIII. O revivalism luterano de comezos do s XIX levou á creación das primeiras sociedades misioneiras luteranas. Por obra do pastor Pfaff xurdiron, en 1719, as primeiras igrexas libres luteranas, que máis tarde formaron a Federación Luterana Mundial, iniciada en 1923, pero que non tivo a súa primeira asemblea fundacional ata 1947. A rixidez ortodoxa da primeira etapa foi renovada polo pietismo, pero tamén Aufklärung influíu no luteranismo e deu lugar a unha corrente de pensadores liberais (G. W. F. Hegel, A. Ritschl, a escola de Tübingen e A. von Harnack) enfrontados cos conservadores (F. E. D. Schleiermacher e S. Kierkegaard). Entre os teólogos luteranos máis recentes destacan O. Cullmann, R. Bultmann, N. Söderblom e Tillich.