marxinalismo

marxinalismo
s m [ECON]

Corrente de pensamento económico baseada na teoría subxectiva do valor e na análise marxinal. Iniciado no último terzo do s XIX coas obras de W. S. Jevons, K. Menger e Léon M. E. Walras, houbo outros autores que poden ser considerados precursores importantes, como Hermann H. Gossen, A. Dupuit e Antoine A. Cournot. A súa influencia espallouse por todo o mundo e deu pé a diferentes escolas, como a inglesa (A. Marshall e Francis Y. Edgeworth), a de Viena (Eugen von Böhm-Bawerk, Friedrich von Wieser) ou a de Lausanne (V. Pareto), e ao posterior desenvolvemento da microeconomía. Significou a substitución do valor traballo dos clásicos pola teoría do valor utilidade, que establecía que os prezos das mercadorías non eran proporcionais ás horas de traballo dedicadas á súa produción, senón á utilidade marxinal que proporcionaban aos consumidores. A orixe dos beneficios xa non estaba no proceso de apropiación da plusvalía ou de explotación do traballo, senón na súa achega ao proceso produtivo, equivalente á produtividade marxinal. Isto supuña potenciar a análise do consumo sobre a da produción e a introdución de elementos psicolóxicos na análise económica. A palabra marxinalismo provén da utilización da análise marxinal, baseada no estudo dos efectos que os pequenos aumentos ou pequenas diminucións das variables económicas poden ter e nas relacións entre os cambios marxinais destas variables.

Palabras veciñas

marxinado -da | marxinador -ra | marxinal | marxinalismo | marxinar | marxismo | marxismo-leninismo