marxismo

marxismo

(< antropónimo K. Marx)

s m [FILOS/ECON/POLÍT]

Teoría científico--filosófica de K. Marx e F. Engels, e dos seus seguidores, que representou unha ruptura coas teorías sobre o home, a sociedade e a súa historia, que se limitaban a contemplar e interpretar o mundo, pero que eran incapaces de transformalo, porque descoñecían o mecanismo de funcionamento das sociedades. Arrancou do concepto de alienación, presente en toda a visión marxista da realidade. Marx intentou analizar a realidade material das relacións do home cara á natureza por medio do traballo: o home é a esencia da praxe, que transformando o medio se transforma a si mesmo, descubrindo unha realidade global que é natureza e historia. Neste sentido pódese definir o marxismo como unha filosofía materialista e dialéctica. Marx descubriu que o home está condicionado por unhas estruturas e unha sociedade que el mesmo creou a través deste proceso histórico. O home vivía nun estado de alienación que lle impedía progresar e realizarse humanamente. As estruturas económicas da Primeira Revolución Industrial condicionaron o home a un traballo alienante e explotador nas grandes fábricas. Marx quixo analizar a sociedade do capitalismo industrial e chegar así ao descubrimento do funcionamento das sociedades e da súa historia. Nos resultados desta análise atópanse as achegas marxistas nunha teoría científica nova: a ciencia da historia, que, como teoría científica, ten o carácter de instrumento de coñecemento. O materialismo histórico, proposto como teoría por Marx, tivo como finalidade o establecemento dunha liña divisoria entre as concepcións idealistas anteriores e a nova concepción científica da historia, e comprendeu os seguintes conceptos: proceso de produción, forzas produtivas, plusvalía, capital, relacións técnicas de produción, relacións sociais de produción, infraestrutura, superestrutura (que comprendía a estrutura social, a estrutura xurídico-política e a estrutura ideolóxica), modo de produción, formación social e conxuntura política. Ademais de como unha teoría científica da historia, o materialismo histórico foi concibido como unha filosofía, o materialismo dialéctico, coa que tiña como núcleo común a loita de clases. O principio esencial da tese de Marx foi: non hai produción económica “pura”, nin intercambio “puro”, nin distribución “pura”. Todos estes fenómenos económicos son procesos que se desenvolven baixo unhas determinadas relacións sociais, que son, en último termo, relacións de loita de clases. As relacións de produción (e a mesma produción material) non son unha cousa que afecte ás forzas produtivas como simple “forma”, senón que penetran nas formas produtivas, porque a forza de traballo que pon en acción as forzas produtivas forma parte, ela mesma, das “formas produtivas”, e o proceso de produción capitalista tende á máxima explotación da forza de traballo. As forzas produtivas son a base material e a forma de existencia histórica das relacións de produción. Marx mostrou que as formas sucesivas de organización do proceso de produción non eran máis que as forzas sucesivas de existencia material e histórica das relacións de produción capitalista. Coas relacións de produción as clases están presentes desde o mesmo principio do proceso de produción. Con esta relación entre as clases antagónicas creáronse as bases da loita de clases, enraizada dentro da mesma produción. Non houbo sociedade na historia que ao producir non reproducira as condicións materiais e sociais da súa existencia. Mais as condicións de existencia da sociedade capitalista son as condicións da explotación que a clase capitalista impuxo á clase obreira. Esta loita de clases prodúcese perpetuamente ou reproducindo as condicións materiais, ideolóxicas e políticas da explotación. Se a teoría de Marx demostra que todo está relacionado coa loita de clases, compréndense mellor as razóns deste feito sen precedentes na historia: a fusión da teoría marxista e do movemento obreiro. O corpo doutrinal de Marx e Engels tivo diversas interpretacións, que deron orixe a correntes diversas e a novas reconsideracións como o revisionismo, iniciado por E. Bernstein e oposto á corrente ortodoxa, representada por V. I. Lenin, de quen tomou o nome de marxismo-leninismo. Varios pensadores ou dirixentes dos partidos políticos que aceptaron a doutrina marxista (comunismo, socialismo) recolleron algunhas destas correntes teórico-prácticas do marxismo. Destaca o maoismo ou as formulacións máis recentes de certos partidos comunistas europeos (eurocomunismo). OBS: A grafía <x> representa o son [ks].