Movemento dos Países Non-aliñados
Organización internacional formada por estados non integrados en ningún dos dous bloques político-militares xurdidos despois da Segunda Guerra Mundial. Fundada en 1961 en Belgrado, os seus membros, maioritariamente estados do Terceiro Mundo, promoven a cooperación mutua para o establecemento dunha nova orde económica e política para contrarrestar o peso das grandes potencias. Tivo os seus antecedentes na Conferencia de Bandung (1955) e celebrou conferencias periódicas: Belgrado (1961), O Cairo (1964), Lusaka (1970), Alxer (1973), Colombo (1976), La Habana (1979), Nova Delhi (1983), Harare (1986), Belgrado (1989), Xacarta (1992), Cartagena de Indias (1995), Durban (1998) e Kuala Lumpur (2003). Coa disolución de URSS (1991) e a desaparición dun mundo politicamente bipolar, o movemento reformulou a súa estratexia poñendo énfase no seu papel de portavoz do Terceiro Mundo.