Noticiero, El
Xornal publicado en Pontevedra a partir do 1 de xaneiro de 1892. Baixo o subtítulo “Periódico independiente útil a los ayuntamientos y maestros de primera enseñanza”, foi dirixido polo seu propietario, Xosé López Pérez, e substituíu a El Noticiero Administrativo, seguindo a súa numeración cunha periodicidade bimensual. Incluíu disposicións lexislativas. En 1895 foi substituído polo Noticiero de Instrución Pública, ao que supliu de novo a partir de xullo de 1895 baixo o subtítulo “Semanario destinado a fomentar los intereses morales y materiales del Magisterio”. Impreso nos obradoiros tipográficos de Rogelio Quintáns, pasou a ser semanal. En agosto dese ano comezou a publicar o suplemento Revista Pedagógica y Literaria, dirixida por Xosé López Otero. En febreiro de 1896 cambiou a súa cabeceira por El Noticiero Gallego.