oratoria

oratoria

(

s f [LIT]

Arte de expresarse, de falar en público, en tanto que se estuda a súa actuación práctica, as manifestacións históricas e a evolución a través das diferentes épocas, pobos e oradores. Difundida tamén como xénero literario, a oratoria comprende os discursos elaborados segundo as regras da retórica, que, á súa vez, se divide nas partes da inventio, ordo ou dispositio, elocutio, memoria, pronunciatio, declamatio ou actio. Segundo os principios da oratoria, un bo discurso debe conter un exordium, unha narratio, a argumentatio e un epilogus ou peroratio. En Grecia, os primeiros testemuños indirectos xorden das obras dos historiadores do s V a C, como Herodoto ou Tucídides. Posteriormente, mentres Lisias fixaba a oratoria xudicial, Isócrates, Demóstenes e Esquines poñían as bases da futura elocuencia romana. En Roma, a época de ouro da arte oratoria correspondeu ao período republicano, cando apareceu a gran figura de Cicerón. Na idade imperial, a nova oratoria creada nas escolas de retórica mostrouse completamente diferente da republicana. Iniciada por Casio Severo, foi continuada por Cneo Domicio, Xulio Africano e Marco Fabio Quintiliano. Despois de Frontón e de Apuleio (s II), a oratoria romana centrouse no cultivo de dous xéneros: o panexírico e o sermón. A oratoria sacra, iniciada nos primeiros séculos do cristianismo, resplandeceu nos ss IV e V coas figuras dos pais da Igrexa gregos (sobre todo san Xoán Crisóstomo) e latinos (santo Ambrosio e santo Agostiño). A finais do s X, en Francia tomou nova forza: a convocatoria ás cruzadas forneceu dun tema extraordinario os oradores, que crearon un estilo novo, que os franciscanos fixaron de maneira definitiva no s XIII. O discurso sagrado desta época presentou dous aspectos, un exclusivamente doutrinal e outro sinxelo e comprensible. Na Idade Media, a arte do discurso continuou sendo considerada como a máis nobre das artes, e a retórica, a principal materia de ensino. Desta época consérvanse numerosos tratados de elocuencia, os máis antigos do s XIII. No Renacemento ocorreu un novo florecemento da arte oratoria: en latín, Enea Silvio Picolomini; en vulgar, Mocenigo e os florentinos M. Palmieri, G. Manetti, D. Acciaiuoli e L. Bruni. Decaída durante os ss XVII e XVIII, a Revolución Francesa marcou o inicio da oratoria política moderna, que, nos séculos seguintes, adquiriu un desenvolvemento extraordinario. A partir do concilio Tridentino e a Contrarreforma, a oratoria tiña que ser simple pero chea dunha indiscutible fonte doutrinal. A máis estrita relixiosidade (san Filipe Neri) ou a mística apaixonada (san Xoán de Ávila, san Luís de Sarria ou Fray Luis de León) presidiron o estilo do s XVI. O barroco achegou á oratoria un desenvolvemento ampuloso. No s XVIII, alternou o racionalismo de L. Bourdaloue e o humanismo de J. B. Massillon, ata que santo Afonso María de Liguori promulgou o retorno á simplicidade de san Filipe Neri. No s XIX destacou J. B. H. Lacordaire e no s XX simplificouse a forma externa da predicación oral.

Palabras veciñas

oraon | orar | orario | oratoria | oratoriano -na | 1 oratorio | Oratorio