Órbigo, Batalla de
Enfrontamento que tivo lugar o 5 de outubro de 456 sobre o río Órbigo, entre as tropas suevas e visigodas. Os antecedentes atópanse na ocupación da Cartaginense, territorio do Imperio visigodo, por parte de Requiario, rei dos suevos. Teodorico II, ante esta invasión, enviou unha embaixada que non foi recibida por Requiario quen, reaccionou coa invasión da Tarraconense. Foi entón cando Teodorico II penetrou na Península Ibérica e se enfrontou a el sobre a liña do Órbigo, saíndo vencedor. Deseguido, encamiñouse cara a Braga na persecución de Requiario, a través da vía romana que partía de Astorga e continuou ata Porto onde o rei suevo foi decapitado en decembro de 456. Esta batalla supuxo a entrada sueva na órbita dos visigodos e polo tanto uns cambios políticos e sociais, que culminaron coa desaparición do reino suevo un século despois.