órbita

órbita

(< lat orbĭta ‘liñacircular’)

  1. s f
    1. [ASTRON]

      Traxectoria que describe no espazo un astro. A órbita dun astro que se move arredor doutro corpo celeste é practicamente unha cónica. Na maioría dos casos -planetas, satélites e estrelas dobres- esta traxectoria é unha elipse, pero nalgúns casos -certos cometas- pode ser unha parábola e mesmo unha hipérbole. A órbita dun astro, cando é elíptica, queda determinada cando se coñecen os elementos da órbita.

    2. [ASTRON]

      Camiño percorrido por un enxeño espacial, cando é periódico e aparentemente pechado. As órbitas dos satélites artificiais e das sondas cósmicas non sometidos a forzas propulsoras poden ser estudadas como as dos corpos celestes naturais, caracterizados por seis parámetros orbitais. A enerxía mínima necesaria para que un enxeño permaneza en órbita arredor dun astro a unha certa altitude pode medirse en función da velocidade tanxencial que se lle debe dar no punto de impulsión á órbita, e se se sobrepasa esta velocidade, a órbita circular de mínima enerxía convértese en elíptica. Se se ten en conta a rotación do astro central, cómpre distinguir entre órbitas directas ou prógradas e órbitas retrógradas, segundo coincidan ou non os sentidos de rotación. O período é de 24 horas para a Terra e a 35.880 km; un enxeño que orbite arredor da Terra a esta altitude e nun plano que coincide co ecuatorial permanecerá na vertical dun punto fixo do Sol. Esta órbita, denominada síncrona ou, neste caso, xeoestacionaria, ten aplicacións nas telecomunicacións vía satélite. Unha órbita de estacionamento é a que serve a un enxeño para esperar unhas condicións axeitadas co fin de iniciar unha nova fase propulsada modificadora da traxectoria.

    3. [FÍS]

      Traxectoria que describe unha partícula nun acelerador circular ou ben nos esquemas que representan a estrutura atómica.

  2. s f

    Medio onde se exerce unha actividade.

  3. s f [ZOOL]

    Cada unha das dúas cavidades simétricas que se sitúan a ambos os dous lados das fosas nasais onde se aloxan os ollos.

  4. s f [MAT]

    Dados un grupo que opera sobre un espazo e un punto do espazo, conxunto de puntos que se obtén multiplicando o punto dado e os elementos do grupo.