Partenón

Partenón

Templo da Acrópole de Atenas dedicado a Atenea Partenos. Foi realizado en tempos de Pericles sobre un antigo templo hexástilo, que foi destruído polos persas en 479 a C e reconstruído (447-438? a C), baixo a dirección de Fidias e coa colaboración dos arquitectos Ictino e Calícrates. É un templo períptero dórico, anfipróstilo e octástilo con dezasete columnas laterais; foi construído en mármore pentélico e estaba totalmente policromado. A el accedíase polo adro que daba paso á cela, dividida en tres naves con dúas filas de columnas, entre as que se colocaba a estatua da deusa. A continuación estaba a sala, chamada Partenón (Ðáñèåíώí), reservada ás sacerdotisas. O friso que circunda a cela, que amosa a procesión das Panateneas, e as columnas da sala son de orde xónica. A decoración escultórica das métopas presenta a xigantomaquia, a amazonomaquia, a destrución de Ílion e a centauromaquia. Os frontóns, tamén atribuídos a Fidias, presentan o nacemento de Atenea e a loita desta con Posidón pola posesión de Ática. Alexandre o Grande (334 a C) fixo colocar uns escudos de bronce e Nerón unha inscrición sobre o epistilo. Transformouse en igrexa bizantina, en latina e máis tarde en mesquita. Durante o asedio dos venecianos (1687) foi destruído en parte e en 1779 Thomas Bruce, conde de Elgin, levou algunhas das súas esculturas a Londres. A partir de 1833 comezaron os primeiros traballos de reconstrución arqueolóxica do templo.