Partido Democrático
Grupo político formado como Partido Democrático--Progresista en abril de 1849 en Madrid a partir do proxecto do programa que a á esquerdista do Partido Progresista presentara en decembro de 1848. Nel demandábase o pleno recoñecemento dos dereitos e liberdades individuais, o sufraxio universal, a completa desamortización civil e a abolición das quintas. O seu primeiro comité organizador foi impulsado por Sixto Cámara e desde o comezo relacionouse estreitamente cunha sociedade secreta, Los Hijos del Pueblo. Malia que o partido foi marxinado entre 1854 e 1856 polos progresistas, a súa decidida intervención na Revolución de 1854 favoreceu o seu crecemento. En 1856 foi ilegalizado e os seus anos de clandestinidade favoreceron de novo o dominio do sector máis radical e o establecemento dunhas estreitas relacións coas sociedades secretas. En 1857-1858 creouse a sociedade carbonaria El Falansterio, que chegou a impoñerse na dirección do Partido Democrático e a preparar diferentes intentos revolucionarios que fracasaron. O ascenso de F. Pi i Margall como xefe principal produciuse ante a necesidade de dar ao programa político un contido social claro e diferenciado. Tentou recoller a tradición socializante do partido, defendeu a intervención do estado na vida económica e, atacando a alianza cos progresistas, afirmou un contido republicano-federal. Por contra, E. Castelar defendeu o individualismo como unha concepción liberal do estado no mundo económico e preconizou o entendemento co progresismo. O novo ataque ao poder de Narváez determinou unha feble alianza cos progresistas (Prim). Tras o triunfo da Revolución de Setembro de 1868, a maioría do partido constituíu o Partido Democrático Republicano Federal. Só unha facción aceptou a monarquía e mantivo durante un tempo a denominación de Partido Democrático.