partitivo -va

partitivo -va

(< lat tardío partīre)

  1. adx

    Que designa unha parte dun todo.

    Ex: Terzo e milésimo son numerais partitivos.

  2. adx e s m [LING]

    Aplícase á forma ou expresión lingüística que serve para designar unha parte indeterminada dun todo, significado por outro elemento. Moitas linguas, como o galego, expresan o partitivo suprimindo o artigo (Toma leite para almorzar). Outras, como o francés, fano mediante a preposición de mais o artigo (Il mange de la viande et boit du lait). En galego tamén poden ter valor partitivo algunhas construcións que van introducidas coa preposición de seguida dun artigo ou determinativo, cando o complemento é un substantivo; só con de cando é pronome. Úsase con valor partitivo tras indefinidos, numerais e superlativos relativos e ante un termo que designa o conxunto do que se detrae aquela cantidade (Algúns de vós chegastes tarde. Só aprobaron catro da nosa academia. A máis interesante de todas foi a de onte). O substantivo pode estar tomado en todo o seu significado virtual e mesmo carecer de determinación (Esta vaca dá moi pouco de leite. Había uns poucos de lambetadas, que eran as que quedaban da festa. Orgullo tiñan ben del). A indicación da cantidade pode estar implícita, indicando simplemente que se detrae unha parte dun todo (Comemos daquel biscoito. Había do diñeiro). Ademais de moito (de) úsase moito e de (Caeron ao río e agora na auga han de beber moita e dela, sen que teñan gana). Ten tamén este valor nas expresións admirativas da cantidade (Haiche ben de rapaces. Que deles!) e ante certos infinitivos, substantivados ou non, como nos enunciados Dálle de comer (‘algo que coma’) ou Dálle de beber (‘algo de bebida’).