Partito Democratico della Sinistra
Partido político italiano creado en 1991 durante o congreso de Rimini como sucesor do Partito Comunista Italiano. O seu secretario xeral, Achille Occhetto, decantou o partido cara á socialdemocracia. Nas eleccións de marzo de 1994 foi a forza principal da coalición Progressistas. Por culpa dos precarios resultados electorais daquel ano, A. Occhetto dimitiu da secretaría xeral, cargo que foi ocupado por Massimo D’Alema que o revalidou no I congreso (1997). D’Alema, liderou a coalición L’Ulivo con Romano Prodi, e a vitoria desta coalición nas eleccións xerais de 1996 posibilitou a entrada no goberno desta formación. Ao final de 1998, a causa da crise de goberno provocada por Rifondazione Comunista, R. Prodi dimitiu do seu cargo de xefe de goberno e foi substituído por D’Alema. En 1998 pasou a formar parte, xunto con outras formacións, de Democratici di Sinistra (DS), que á súa vez forma parte da coalición electoral L’Ulivo.