Partito Comunista Italiano

Partito Comunista Italiano
Nome científico: [PCI]

Partido político italiano que se creou en 1921, a raíz do congreso de Livorno, por Antonio Gramsci, Amadeo Bordiga e Palmiro Togliatti, da á disidente da extrema esquerda do Partito Socialista Italiano. Disolto en 1926 polo fascismo, organizouse clandestinamente e tivo moita importancia na resistencia italiana durante a Segunda Guerra Mundial. Rematada a guerra e ata 1947 formou parte do goberno de coalición xunto con outros cinco partidos antifascistas. A partir de 1956, P. Togliatti preconizou a teoría do policentrismo entre os diferentes partidos comunistas. Despois da súa morte (1964), o partido foi dirixido por Luigi Longo (1964-1972) e Enrico Berlinguer (1972-1984), que impulsou a adaptación ao eurocomunismo e se esforzou pola realización do compromesso storico, programa que planeaba a participación dos comunistas no goberno cos demócrata-cristiáns, que sempre foi rexeitado polo Partito Democrazia Cristiana. Achille Occhetto, máis próximo á socialdemocracia ca os seus predecesores, redefiniu o partido e a súa ideoloxía. En 1991 o partido disolveuse formalmente durante o congreso de Rimini, e reconstituíuse co nome de Partito Democrático della Sinistra. Asemade, un grupo de militantes encabezado por Armando Cossutta e Sergio Caravini non aceptou a disolución e creou a Rifondazione Comunista.