planta

planta

(< lat planta)

  1. s f
    1. [BOT]

      Organismo pertencente ao reino vexetal. As plantas son seres vivos autotróficos, xeralmente inmóbiles, ordinariamente de crecemento indefinido, e carentes de sistemas de relación. Só se consideran plantas aqueles organismos pluricelulares con cloroplastos e con paredes celulares celulósicas. Tradicionalmente, en cambio, tamén se incluían neste grupo os procariotas (esquizófitas e proclorófitas), os protistas autotróficos (euglenófitas, clorófitas, rodófitas e cromófitas) e os fungos. As células vexetais típicas, propias das plantas con clorofila, presentan caracteristicamente unha parede celular celulósica, vacúolos, frecuentemente moi grandes, e cloroplastos. A súa clasificación ten como base a especie, unidade morfolóxica e xenética. Dentro da especie, distínguense subespecies, variedades e formas. As principais unidades taxonómicas, por riba da especie, son o xénero, a familia, a orde, a clase e a división. Hai moitos sistemas de clasificación, aínda que os modernos son filoxenéticos, é dicir, que teñen en conta as relacións evolutivas. Denomínanse criptógamas as plantas sen flores, e fanerógamas aquelas que as posúen. As criptógamas inclúen a división das briófitas (coas clases das antocerotais, hepáticas e brións) e a das pteridófitas (fentos). As fanerógamas inclúen unha soa división, a das espermatófitas, que tradicionalmente se dividen en anxiospermas (monocotiledóneas e dicotiledóneas), coas sementes envoltas por un pericarpo, e ximnospermas (cicadáceas e coníferas), sen envolturas carpelares nas sementes. As anxiospermas son as plantas máis comúns, cunhas 250.000 especies, das que a maior parte son entomófilas, e na súa evolución tiveron un papel primordial os insectos. Subdivídense en dicotiledóneas, con sementes de dous cotiledóns, e en monocotiledóneas, con sementes dun só cotiledón. Os espermatófitos e os pteridófitos son plantas vasculares, con raíz, talo e follas con sistemas condutores. A importancia das plantas na biosfera é capital, xa que os seres vivos dependen en último termo de enerxía solar, que só pode ser captada polas plantas por medio do proceso da fotosíntese. As plantas autotróficas ecoloxicamente son produtoras e localízanse na base das cadeas alimentarias. Os organismos heterótrofos ecoloxicamente son consumidores e dependen directa ou indirectamente das plantas autotróficas. A ciencia que estuda as plantas é a botánica.

    2. exetal herbáceo, en especial os que non teñen tronco.

      Ex: A leira ademais de plantas tamén ten árbores.

  2. s f [MAT]

    Nome que se dá á proxección horizontal de calquera obxecto ou proxecto e que, cando se baixan os planos coordenados do diedro, pasa a ocupar a parte inferior da liña de terra (no caso do primeiro cuadrante).

  3. s f [ARQUIT]

    Representación gráfica, con finalidade técnica, que mostra, visto desde arriba e a unha escala preestablecida, un aspecto ideal dunha construción ou dunha parte súa, coas características xeométricas e dimensionais dos seus elementos. Obtense por sección dun determinado nivel da construción cun plano horizontal onde tamén se representan en proxección ortogonal os elementos non intersectados.

  4. s f [CONSTR]
    1. Conxunto dos cimentos dun edificio.

    2. Cada unha das divisións horizontais dun edificio.

      Ex: O ascensor non chega á última planta.

      Sinónimos: andar, piso, andar.
    3. Plano dos cimentos dun edificio ou da sección horizontal dun dos seus pisos.

    4. planta baixa

      Parte dun edificio que está ao mesmo nivel ca a rúa.

  5. s f [IND]

    Conxunto de instalacións ou de produción dunha mina, que están á mesma profundidade.

  6. [IND]
    1. s f

      Fábrica ou instalación industrial.

    2. planta asfáltica

      Instalación industrial dedicada á fabricación de aglomerado asfáltico en quente, con dispositivos especiais para a dosificación, quentamento e mestura do betume, dos áridos e do filler, e para a carga do conglomerado nas unidades de transporte.

    3. planta depuradora

      Conxunto de instalacións onde se leva a cabo a depuración dalgunha substancia, como as augas residuais, ou os moluscos bivalvos para consumo humano.

  7. s f

    Aspecto físico dunha persoa.

    Ex: Era un mozo con moi boa planta.

  8. planta do pé [ANAT]

    Cara inferior do pé, desde o talón ata as dedas.

Frases feitas

  • De nova planta. De nova construción desde os cimentos.