Pontevedra, San Domingos de
Pontevedra, San Domingos de
Antigo convento situado en Pontevedra. Foi construído polos dominicanos entre os ss XIII e XV en estilo gótico. En estado ruinoso, só se conserva a cabeceira da igrexa con cinco ábsidas poligonais e un muro lateral cunha pequena portada e rosetón. Destacan os motivos decorativos xeométricos, vexetais ou animais situados en vans, capiteis e canzorros. No s XVIII produciuse un intento fracasado de reconstruír o edificio en estilo neoclásico. No seu interior alberga a sección de arqueoloxía do Museo Provincial de Pontevedra, con restos destacados como pezas romanas e medievais, escudos, e os sepulcros como os de Pedro Madruga, Paio Gomez, Sueiro Gomez e Tristán de Montenegro. As ruínas foron declaradas BIC en 1895.