Paulo, san

Paulo, san

(Tarso, Cilicia 7? - Roma? 67?) Apóstolo do cristianismo. Coñecido tamén como Paulo de Tarso ou apóstolo dos xentís, e mesmo como Apóstolo por antonomasia, posto que el mesmo se atribuíu este título, foi unha das figuras que máis contribuíu á expansión do cristianismo no mundo grecorromano. De familia xudía e, ao mesmo tempo, cidadán de Roma de nacemento, recibiu unha educación xudía, pero tamén foi educado nas letras gregas. Fariseo, perseguiu os cristiáns helenistas de Xerusalén, ata que se converteu cando intentaba estender a persecución en Damasco. Anos máis tarde Bernabé incorporouno aos dirixentes da comunidade de Antioquía e ao ano seguinte inciou na súa compañía a súa primeira experiencia misioneira (45-49) en que se demostrou xa a eficacia do seu apostolado. Noutras dúas viaxes estendeu o Evanxeo e implantouno solidamente en dúas capitais romanas: Corinto e Éfeso (49-58). Cando se propoñía ir a Roma para levar o Evanxeo ata a Península Ibérica, foi apresado en Xerusalén e enviado de Cesarea á capital do Imperio, para ser xulgado ante o tribunal romano. Segundo a tradición foi decapitado en Roma e sepultado baixo a vía Ostiense. A Igrexa conservou trece cartas ou epístolas encabezadas co nome de Paulo, aínda que a crítica moderna dubida dalgunha das atribucións. Estas foron enviadas por Paulo a varias comunidades entre os anos 51 e 57, e son os escritos máis antigos do Novo Testamento; a orde que presentan non é cronolóxica, ordénanse desde as máis extensas ás máis breves. A iconografía adoita representalo solo ou con san Pedro, levando como pertenzas persoais un libro ou rolo, e desde o s XIII a espada do martirio. Outra representación é a da súa conversión camiño de Damasco. A pesar do carácter case heterodoxo que tivo a partir da Contrarreforma -pois era a figura oposta a san Pedro, elixido polos protestantes-, a súa figura non desapareceu entre os católicos. A súa festividade celébrase o 29 de xuño.

Palabras veciñas

Paulo Miki, san | Paulo V | Paulo VI | Paulo, san | Paulo, san | Paulo/Paula | paulonia