Reis Magos ou Magos de Oriente

Reis Magos ou Magos de Oriente
[RELIX]

Nome que se dá tradicionalmente a cada un dos magos procedentes de Oriente que, segundo o Evanxeo de san Mateo (2, 1-11) foron a adorar a Belén ao Mesías acabado de nacer, guiados por unha estrela. San Mateo, non obstante, non especificou o seu número, o seu nome, a súa nacionalidade nin a data deste suceso. A primeira mención aos nomes dos Magos na tradición occidental apareceu no s VII, nun códice da Bibliothéque National de París. A partir do s IX no Liber Pontificalis de Ravenna apareceron repartidos xeograficamente e asociados ás idades da vida. Existen interpretacións que din que os Reis Magos poderían ter sido astrólogos babilonios, sacerdotes persas ou cultivadores das ciencias, particularmente a astroloxía e a astronomía. Desde un punto de vista teolóxico, a tradición popular máis tardiamente converteunos en tres homes sabios, magos ou santos reis. Aínda que nos albores do cristianismo se representaban como dunha mesma raza, crese que a diversidade posterior, especialmente manifestada na representación de Baltasar como un home negro, foi adoptada para simbolizar a universalidade do cristianismo. San Beda o Venerable describiunos fisicamente e considerounos representantes de Europa (Gaspar), Asia (Melchor) e África (Baltasar), para así acentuar a soberanía universal de Xesús Cristo sobre todas as razas e países. A festividade da Epifanía ou adoración dos Magos, máis antiga ca a de Nadal, celébrase o 6 de xaneiro nas Igrexas occidentais conmemora principalmente a revelación de Xesús Cristo aos xentís como o Salvador. Tras a adoración, o destino dos magos foi incerto; en todo caso as súas supostas reliquias foron transportadas de Milán a Colonia no s XII, onde aínda son veneradas nun relicario bizantino da catedral.

Palabras veciñas

Reis | Reis Católicos | Reis Católicos, estilo | Reis Magos ou Magos de Oriente | Reis, Libro dos | Reis, Libro dos | reiseñor