Ribadavia, San Domingos de
Antigo mosteiro situado en Ribadavia. Datado no s XIII, foi un dos primeiros conventos dominicanos establecidos en Galicia e funcionou como casa de estudos. Da construción orixinal case non se conserva nada. Sufriu numerosas reformas, un incendio no s XV e en 1854 derrubáronse as dúas ás do edificio contiguas á igrexa, que quedou illada. Tras a exclaustración do s XIX coñeceu varios usos, como hospital ou escola, e finalmente como asilo de anciáns. A igrexa, convertida en parroquial, conta con partes románicas, góticas e renacentistas, e erixiuse entre os ss XIII e XV. Ten planta basilical con tres naves divididas en cinco tramos separados por arcos faixóns apuntados, e cabeceira con tres ábsidas poligonais. Na ábsida principal ten gravado o escudo dos condes de Ribadavia, que patrocinaron a construción desta parte do edificio. Destaca a escultura dos capiteis, relacionados en estilo coa Claustra Nova da catedral de Ourense, nos que se representan motivos vexetais, temas profanos e relixiosos. Conserva sarcófagos medievais con estatuas xacentes. A fachada principal divídese en tres tramos mediante dous contrafortes e presenta na parte central unha portada oxival con arquivoltas, que descansan sobre dous pares de columnas de fuste liso e con capiteis de motivos vexetais. Sobre esta entrada sitúanse tres escudos coas armas dos Sarmiento (condes de Ribadavia), do Reino de Castela e León e de frei Afonso de Cusanca, prior do convento. Foi declarado BIC en 1931.