Ribadavia, condado de

Ribadavia, condado de

Título concedido polos Reis Católicos en 1478, a Bernardiño Pérez Sarmiento, señor de Ribadavia, Fuentes, Mucientes, Celme, Bentraces e Laza e adiantado maior de Galicia. A herdeira foi a súa filla Francisca Sarmiento, II condesa de Ribadavia. Ao morrer sen fillos sucedeuna a súa irmá María Sarmiento, casada con Xoán Hurtado de Mendoza, adiantado de Galicia. Os III condes de Ribadavia estableceron morgado en Ribadavia e Valdeorras (1530). O seu fillo e sucesor Diego Sarmiento de Mendoza, IV conde de Ribadavia, foi adiantado maior de Galicia e xentilhome de Carlos I. O V conde de Ribadavia foi o seu fillo Luís Sarmiento de Mendoza, adiantado maior de Galicia, a quen sucedeu a súa filla Leonor Sarmiento de Mendoza, VI condesa de Ribadavia e, ao morrer sen descendencia en 1581, sucedeuna a súa tía, María Sarmiento de Mendoza, irmá do IV conde. O seu fillo Diego de los Cobos, I marqués de Camarasa, non puido herdar o título de conde de Ribadavia ao ser estes dous incompatibles. O seu fillo Álvaro Sarmiento de Mendoza de los Cobos e Luna, foi o VIII conde de Ribadavia e adiantado maior de Galicia. O condado herdouno o seu fillo Diego Sarmiento de Mendoza e de los Cobos (?-1614), IX conde de Ribadavia. O seu sucesor foi Manuel Sarmiento de los Cobos (?-1668), X conde de Ribadavia, que herdou da súa nai o título de VIII marqués de Castrojeriz e do seu tío Diego de los Cobos os de III marqués de Camarasa e III conde de Ricla. O seu fillo, Álvaro Sarmiento de los Cobos (1657-1704) foi o XI conde de Ribadavia, sucedido polo seu fillo Miguel Baltasar Sarmiento de los Cobos (1698-?), XII conde de Ribadavia que, ao herdar o título de marqués de Camarasa, cedeu o título de conde de Ribadavia ao seu irmán Diego Mendoza de Sarmiento (?-1776), XIII conde de Ribadavia, adiantado maior de Galicia e XII conde de Castrojeriz. Á súa morte xurdiu un conflito sucesorio entre Xosé María Fernández de Córdoba e Sarmiento de Soutomaior, VII conde de Salvaterra, Xosé Sarmiento de Ribadeneira, señor de Parada, e Domingo Gayoso de los Cobos (?-1803) VIII conde de Amarante e sobriño-neto do IX conde de Ribadavia, a quen o Consello de Castela lle outorgou o título 1779 de XIV conde de Ribadavia, e que foi tamén IV marqués de San Miguel das Penas e da Puebla de Parga, XI marqués de Camarasa, IX conde de Ricla, XIII conde de Castrojeriz, señor de diversos lugares e Grande de España. O sucesor de toda a súa casa foi o seu fillo, Xoaquín Gayoso de los Cobos (1778-1849), XV conde de Ribadavia. O seu fillo Francisco Gayoso de los Cobos (1805-1860), foi o XVI conde de Ribadavia desde o seu nacemento ao ser seu pai marqués de Camarasa. Ao falecer solteiro, os títulos pasaron ao seu irmán Jacobo Gayoso de los Cobos (?-1871), XVII conde de Ribadavia. Á súa morte sucedérono nos títulos de Camarasa, Puebla de Parga, Castrojeriz e Ricla a súa filla primoxénita Francisca de Borxa Gayoso de los Cobos e Sevilla, Grande de España. O fillo desta, Ignacio Fernández de Henestrosa e Gayoso de los Cobos (?-1948), foi o XVIII conde de Ribadavia, que faleceu sen descendencia. O título quedou vacante ata que en 2003 se estableceu carta de sucesión a favor do seu sobriño-neto, Ignacio Medina y Fernández de Córdoba (1947), XIX conde de Ribadavia. O condado trae por armas as dos Sarmiento: de goles, trece besantes de ouro postos 3,3,3,3 e1, con coroa condal no timbre.