Saturno

Saturno
[ASTRON]

Sexto dos planetas do sistema solar considerando a súa proximidade ao Sol, e o segundo atendendo á masa, malia que a súa densidade é a máis baixa entre as de todos os planetas e satélites do sistema solar. A velocidade de rotación do planeta varía coa latitude, pero acéptase como valor medio do período de rotación a de 10 h 14 min. É observable a simple vista como un astro amarelento de primeira magnitude. A súa propiedade máis espectacular é que, visto polo telescopio, presenta un sistema de aneis luminosos que o envolven e que lle son característicos. Á parte dos aneis, ten un aspecto moi semellante ao de Xúpiter. Presenta tamén unha estrutura de bandas paralelas ao ecuador. A súa atmosfera, moito menos activa ca a de Xúpiter, presenta, esporadicamente, unha manchas brillantes dunha certa duración. A temperatura desta atmosfera oscila entre -148°C e -197°C. A parte sólida de Saturno está formada por un núcleo de rochas de 20.000 km de diámetro, que presenta ao redor unha capa de xeo de 5.000 km de grosor e outra capa de hidróxeno molecular metálico, tamén solidificado, de 8.000 km de grosor. Os aneis de Saturno foron observados, por primeira vez, por Galileo en 1610. Huygens en 1655 descubriu que está envolto por unha banda luminosa que denominou o anel de Saturno. Na actualidade, sábese que este está constituído por catro aneis concéntricos denominados respectivamente A, B, C, e D. O anel B é de cor branca e é tamén o máis luminoso, especialmente nas rexións exteriores. Normalmente, recibe o nome de anel brillante. O anel A é menos luminoso e o seu brillo non é uniforme. O anel C é dificilmente visible cos telescopios pequenos; presenta un aspecto de transparencia e coñécese como anel de crespón. O anel D é pouco luminoso. Ao principio críase que os aneis eran formacións sólidas, pero J. C. Maxwell (1859) estableceu a hipótese de que estaban constituídos por unha gran cantidade de partículas independentes que xiraban ao redor do planeta como pequenos satélites. Actualmente, admítese que ditas partículas están constituídas por cristais de xeo e de amoníaco. O grosor dos aneis non supera 1 km. Saturno ten 18 satélites. Os máis grandes son Mimas, Encélado, Tetis, Dione, Rea, Titán, Hiperión, Xapeto e Phoebe. Destes satélites destaca Titán, que é o máis grande e ten atmosfera, e Xapeto, que ten un hemisferio escuro. A análise das fotografías do Voyager 2 permitiu a M. Showalter descubrir, en 1991, un novo satélite xeado, situado entre os aneis do planeta e que foi bautizado co nome de Pan.

Palabras veciñas

saturnismo | saturno | Saturno | Saturno | Saturno | Saturno | SAU