síntese

síntese

(< lat synthĕse < grσύνθεσις)

  1. s f Antónimos: análise.
    1. Combinación dos elementos dun todo despois de separalos analiticamente.

      Antónimos: análise.
    2. [FILOS]

      Proceso da investigación ou do coñecemento, contraposto á análise, que consiste na unión de elementos que estaban separados e na súa integración nun todo ou unidade superior. Caracterizada polos cartesianos como o progresivo tránsito do simple ao complexo, en Kant foi a esencia mesma do coñecemento e, modernamente, foi interpretada en íntima relación coa idea de creación. Hegel considerouna o terceiro e supremo momento do proceso dialéctico, que recollía e realizaba toda a verdade e a riqueza contida nos momentos anteriores de tese e antítese.

  2. s f

    Resumo breve dunha materia ou asunto.

  3. s f [LING]

    Combinación dun radical e dos elementos flexionais nunha soa palabra variable.

    1. s f [QUÍM]

      Formación de certos compostos mediante a unión de outros máis simples ou dos seus elementos.

    2. gas de síntese [QUÍM]

      Denominación xenérica de diversas mesturas gasosas formadas por monóxido de carbono e hidróxeno en proporcións relativas variables, xunto cun gas inerte, xeralmente nitróxeno. Aplícase na preparación do metanol, na síntese de gasolinas de Fischer-Tropsch ou na preparación do amoníaco.

    3. síntese orgánica [QUÍM]

      Parte da química orgánica que trata sobre a preparación de moléculas complexas a partir de substratos máis simples. Historicamente e formalmente pode considerarse que parte da preparación da urea (F. Wöhler, 1828), e debe o seu desenvolvemento á necesidade de atopar fontes alternativas de produtos naturais para obtelos en maior escala e libres das restricións derivadas dos monopolios que diversos estados mantiñan sobre a súa produción. A primeira síntese dunha molécula natural complexa, a tropina, non se conseguiu ata comezos do s XX, grazas a R. Willstätter. A partir da década de 1960 o desenvolvemento alcanzado pola síntese orgánica foi extraordinario, debido, entre outras causas, ao progreso experimentado coa introdución e o perfeccionamento das técnicas espectroscópicas e de separación cromatográfica, como o progreso nos coñecementos sobre a estereoquímica, os mecanismos de reacción e os métodos sintéticos de transformación de grupos funcionais e a reacción de enlaces carbono-carbono. E. J. Corey estableceu que a síntese dunha molécula complexa ten que ser levada a cabo de acordo con cinco criterios: os distintos elementos implicados na solución dun problema sintético (esqueleto e grupos funcionais) non son estritamente separables; os distintos camiños sintéticos que a través de diversos intermedios poden conducir a unha mesma molécula complexa teñen que partir de substratos simples e accesibles; a norma para elaborar estes camiños sintéticos está no recoñecemento de unidades estruturais (sintón), que poden recombinarse por operacións sintéticas coñecidas ou concibibles; entre os distintos camiños hai que xulgar os méritos e as desvantaxes de cada un deles, para o que é necesario que a probabilidade de conseguir o cambio desexado en cada paso da secuencia sexa moi elevada, que existan camiños alternativos para conseguir un mesmo efecto cando algún dos pasos sexa problemático, e que a solución do problema sintético sexa simple, é dicir, que se estableza un número máximo de correlacións entre as operacións sintéticas individuais para que cada unha delas permita, axude ou facilite as outras dalgún xeito; e, finalmente, teñen que empregarse cando sexa posible reaccións de alcance e mecanismo ben coñecidos.

    4. síntese proteica [BIOQ]

      Síntese que ten lugar nos ribosomas, en catro etapas, en que son necesarios unha serie de compoñentes indispensables, enzimas específicos e cofactores. A primeira consiste na activación de aminoácidos; a segunda é a iniciación da cadea polipeptídica; a terceira consiste na prolongación da cadea mediante novas secuencias de aminoácidos, sendo cada un deles especificado por un codón terminal do ARNm; e a cuarta é o remate da cadea, cando se chega ao sinal de remate no ARNm.