Unión do Povo Galego
Agrupación política nacionalista creada en 1964. Tivo os seus antecedentes no grupo Brais Pinto, que se formara en 1958. Dos seus membros naceu a idea de formar a UPG en novembro de 1963, cunhas bases marxistas. Á volta dalgúns deles a Galicia, organizaron asembleas en diferentes cidades, do que saíu un Consello da Mocidade, dirixido por Antón Moreda, dentro do que se integrou a UPG, aínda que a heteroxeneidade dos membros provocou a súa desaparición. Tras a crise, volveron intentar a refundación con novos membros procedentes do Partido Comunista Español e nacionalistas de esquerda. Este acto tivo lugar en Santiago o 25 de xullo de 1964. O seu programa, chamado Dez Principios Mínimos, reflectía a súa orientación ideolóxica, que aínda que rupturista, se declarou seguidora de Castelao. O seu primeiro voceiro foi o boletín Terra e Tempo, publicado na clandestinidade ata 1968. En principio, os grupos máis concorridos foron o de México, Madrid e Vigo. A partir de 1970, buscaron unha acción das masas auspiciados por Ramón Reboiras ou Xosé González, pero en 1971 xurdiu a primeira crise interna pola entrada de militantes de Federación de Comunistas, de esquerda radical, unido á toma do poder en Madrid de Pepe Torres, o que resolveron diversos afiliados de Vigo que reorganizaron a cúpula. Nas loitas obreiras de 1972, a UPG participou activamente. Foi unha etapa na que se integraron no partido Galicia Socialista, liderado por Camilo Nogueira, e Organización Obreira. En 1974 adoptou uns estatutos provisorios nos que reafirmaban o seu ser marxista, a autodeterminación para Galicia e a construción do socialismo como base para acadar o comunismo. O proletariado era o grupo chamado a dirixir a loita de clases. Despois de 1972, definiuse como comunista seguidor do maoísmo, aínda que despois foi abandonando esta corrente. Encaixou o nacionalismo neste ideario, e defendeu que a nación viña determinada por factores como a lingua e a cultura, a xeografía e a estrutura socioeconómica de seu. Engadiu que a nación estaba constituída tan só polas clases sociais que asumían a loita para a liberación nacional. Non aceptou a Constitución Española de 1978 por considerala antigalega, antinacionalista e antidemocrática. Ante as primeiras eleccións en España (1977), o partido aínda non estaba legalizado, polo que concorreu xunto coa Asemblea Nacional Popular-Galega (AN-PG), e formouse o Bloque Nacional Popular-Galego (BN-PG), que máis tarde se coaligou co Partido Socialista Galego (PSG) para presentarse xuntos ás eleccións de 1982; desta formación xurdiu ese mesmo ano o Bloque Nacionalista Galego (BNG). En 1985 acatou a Constitución.