Unión Fenosa
Empresa dedicada á produción de electricidade, formada tras a fusión de Unión Eléctrica SA e Fuerzas Eléctricas del Noroeste SA (FENOSA) en 1982. Trátase da terceira empresa eléctrica privada de España. Creouna en 1943 Pedro Barrié de la Maza. En 1955 absorbeu a Sociedad General Gallega de Electricidad, principal produtora de electricidade de Galicia, e posteriormente a outras empresas eléctricas de pequeno tamaño ata concentrar a maior parte da produción eléctrica de Galicia, onde teñen máis do 50% das súas vendas. A súa actividade principal é a xeración de enerxía eléctrica mediante o emprego de grupos hidráulicos, térmicos e nucleares. Controla a maioría dos saltos de auga galegos e ten centrais térmicas como a de Sabón e Meirama. Tamén realiza actividades mineiras, baseadas principalmente na explotación do xacemento de carbón de Meirama. Ademais introduciuse no sector do gas. Conta con participacións en AUNA e R, e con empresas como Norconsult, Soluziona ou Servinor. Desde 1983 publica a revista Unión Fenosa.