venezolano -na

venezolano -na

(< topónimo Venezuela)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Venezuela ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Venezuela.

  3. arte venezolana [ARTE]

    Arte desenvolvida en Venezuela. Os restos atopados do período precolombino son poucos. Dentro do estilo colonial destacan as catedrais de Caracas e Coro ou o convento de San Francisco de Caracas (s XVIII). Durante o s XX, a arquitectura seguiu as principais correntes internacionais, e nela destacan a Ciudad Universitaria de C. R. Villanueva, o Museo de Bellas Artes de Niemeyer e o Centro Bolívar de C. Domínguez. En pintura sobresaíu o movemento academicista do s XIX (J. Lovera e A. Michelena) e os impresionistas, no s XX (M. Cabré, A. Reverón e R. Monasterios) e seguidores da vangarda (A. Barrios, M. Manaure, O. Vigas, M. Pardo, Soto ou Cruz-Díez).

  4. literatura venezolana [LIT]

    Literatura producida en Venezuela en lingua castelá. Tradicionalmente márcase o seu comezo nas Cartas de Relación (1498) de C. Colón, pero non foi ata finais do s XVIII cando xurdiu a conciencia de americanismo con F. De Miranda, J. Germán Roscio, S. Rodríguez, F. Javier Yáñez e S. Bolívar. O neoclasicismo continental está representado por A. Bello (1781-1865). O movemento romántico chegou ata principios do s XX e deu un gran número de poetas, como A. Ros de Olano, H. García de Quevedo, J. A. Maitín, A. Lozano, C. Acosta e J. A. Bonalde. A finais do s XIX xurdiu a xeración positivista, formada por críticos, historiadores e teóricos, onde destacaron L. Alvarado, L. López Méndez, J. Gil Fortoul e C. Zumeta. A prosa modernista está representada por M. Díaz Rodríguez, P. Emilio Coll e P. César Dominici; e a poesía por R. Blanco Fombona, C. Borges e J. Tadeo Arreaza. Como reacción ao modernismo e á cultura europea xurdiu o indixenismo, onde salientaron M. Romero e L. Manuel Urbaneja. En 1909 formouse La Alborada, unha promoción de narradores dos que destacan J. H. Rosales, C. Paz García e a máxima figura da novelística venezolana, Rómulo Gallegos, xunto a Teresa de la Parra. A reacción contra a retórica modernista apareceu ao redor de 1918 cos escritores J. A. Ramos, E. Planchart e A. Eloy. A. Arraíz foi quen puxo as técnicas vangardistas europeas ao servizo dunha temática americana. Na xeración de 1928 figuran L. Castro, P. Rojas, R. Díaz Sánchez, A. Uslar-Pietri e M. Otero Silva. En 1935, coa morte do xeneral J. Vicente Gómez, xurdiu un grupo denominado Viernes, integrado sobre todo por poetas, como R. Olivares, R. Heredia, O. de Sola e V. Gerbasi. Tamén destacou outro grupo de filiación hispánica que procuraba as súas raíces na poesía clásica castelá, integrado por J. Beroes, L. Pastori e J. Aristiguieta. Na produción da década de 1940 figuran Guaramoto, A. Márquez Salas, H. Mújica e O. Trejo. Ao redor de 1955 formouse o grupo Sardio, onde se integraron L. García Morales, S. Garmendía e A. González León. Posteriormente, destacaron algúns grupos que reuniron escritores e artistas plásticos nun grande abano de tendencias. A finais do s XX cómpre salientar, en prosa, Laura Antillano, F. Massiani, Antonia Palacios e A. J. Sequera; en poesía, L. A. Crespo, E. Mujica, W. Osuna e N. Rivera; e no ensaio Francisco Rivera e Guillermo Sucre.

Palabras veciñas

venérido -da | Véneto | véneto -ta | venezolano -na | Venezuela | Venezuela, golfo de | veni, vidi, vici*