Vigo, porto de
Porto da beira meridional da ría de Vigo, no litoral da cidade homónima. As instalacións portuarias esténdense sen solución de continuidade ao longo de 10 km entre Teis e Bouzas. Altérnanse os peiraos dedicados ao tráfico de mercadorías (Guixar, Areal, Transversal, do Comercio e Bouzas), cos pesqueiros (O Berbés, Beiramar e Bouzas), cos reservados ao transporte de viaxeiros (Transatlánticos e Estación de Ría) e cos deportivos (Náutico e Bouzas). A actividade pesqueira, intimamente relacionada coa industria transformadora localizada na cidade, converteuno no principal porto a escala mundial de descarga de peixe para consumo humano. En 2003 movéronse no porto 673.874 t de peixe, das que 82.604 t corresponderon a peixe fresco e 585.784 t a peixe conxelado. No tráfico mercante tamén é un porto destacado nas grandes rutas internacionais, mantén liñas regulares con todos os continentes; destacan pola súa importancia as da África Austral, Extremo Oriente, Oriente Medio e América; entre as europeas, son especialmente intensas as que o conectan con Rotterdam, Anveres e Algeciras. O tráfico total de mercadorías foi de 4.002.376 t en 2003. Unha das principais vantaxes do porto vigués, ademais das súas boas conexións viarias (autoestrada, autovía, ferrocarril e aeroporto) é o feito de ser o único porto do NO de España que conta co sistema de carga e descarga ro-ro. Granito, automóbiles, lousa, cemento e manufacturas foron as principais mercadorías dun tráfico que, na súa maioría se efectúa en contedores. Porto de interese xeral do Estado, a súa xestión correspóndelle á Autoridade Portuaria de Vigo.