Vigo, ría de
Ría da costa atlántica, a máis meridional das Rías Baixas. Os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona sucédense á súa beira. Flanqueada na súa entrada polas Illas Cíes, a beira setentrional correspóndese co S da península do Morrazo: Cabo Home, Punta Robaleira e Punta Subrido, na parroquia do Hío (Cangas), constitúen os tres puntos que se poden considerar como extremo NO da ría, segundo se empregue un criterio máis ou menos restritivo. Na beira meridional o límite pode ficar en punta da Meda en Monteferro (Panxón, Nigrán) ou levarse ata Cabo Silleiro, no litoral da parroquia de Baredo (Baiona). A ría é un entrante de dirección NL-SO, de 28 km de lonxitude, que concordaría cunha rede de fracturas da que resultaría unha alternancia de bloques erguidos e afundidos. O estreito de Rande, de 600 m é o punto de menor amplitude. No seu fondo, no N, ábrese a enseada de San Simón, co arquipélago homónimo. No seu interior acolle importantes portos pesqueiros (Cangas, Moaña, Meira, Domaio, Cesantes, Vigo, Baiona) e comerciais (Vigo). Na costa localízanse grandes areais (Barra, Liméns e Rodeira en Cangas; Meira e Domaio en Moaña; Cesantes en Redondela; Samil e O Vao en Vigo; Patos e Lourido en Nigrán; A Ladeira en Baiona; ademais das praias de Figueiras, Rodas e San Martiño nas Illas Cíes, do concello de Vigo).