forno
(< lat furnu)
-
-
s
m
[TECNOL]
Lugar pechado dentro do que calquera tipo de enerxía, xeralmente química ou eléctrica, se converte en enerxía calorífica co fin de transformar, física ou quimicamente, a materia que se introduce no mesmo. A causa da diversidade de materiais e das transformacións ás que se someten, hai unha numerosa variedade de fornos. Empréganse diversos sistemas de transformación da enerxía inicial en enerxía calorífica: no forno de combustión, quéimase o combustible empregado nun fogón ou queimador; no forno eléctrico, aprovéitase o efecto Joule, ben por medio de resistencias eléctricas (forno de resistencia indirecta), ben coa mesma carga do forno actuando de resistencia (forno de resistencia directa), mediante a produción de correntes inducidas na carga (forno de indución) ou por medio dun arco eléctrico entre dous ou máis electrodos ou entre estes electrodos e a carga do forno (forno de arco); finalmente, hai uns tipos especiais de fornos que empregan a calor disipada polos raios catódicos (forno de bombardeo con electróns), a calor dun gas fortemente ionizado (forno de plasma) ou a enerxía solar concentrada mediante captadores parabólicos e cilindroparabólicos (forno solar). Segundo o campo de aplicación, pódense dividir os fornos en catro grandes grupos: metalúrxicos, de proceso, de cocción e de petróleo. Os fornos metalúrxicos subdivídense en cinco tipos: o forno de crisol, empregado para fundir pequenas cantidades de metal e constituído por un recipiente refractario, a miúdo de grafito, quentado por combustión ou por indución; o forno de soleira, onde a carga, colocada sobre a soleira do forno, se quenta por convección ou radiación; o forno de cuba, empregado para fundición, extracción, calcinación e torrefacción, e que está formado por torres cilíndricas ou prismáticas a través das que se move a carga por gravidade cara ás zonas inferiores; o forno de atmosfera controlada, xeralmente eléctrico, que consiste nunha carcasa metálica revestida de material refractario e illada do exterior, na entrada e na saída, por unha cortina de chamas; e, finalmente, os convertedores, empregados na fabricación de aceiro e de arame, nos que se introduce unha corrente de aire ou de osíxeno na masa fundida, de xeito que o osíxeno desta reacciona co silicio, o carbono e o magnesio presentes e produce a calor necesaria para manter a masa metálica en estado de fusión. O segundo grupo está constituído polos fornos de proceso, destinados á obtención dalgún produto, como cemento, cal ou ferro. Os máis primitivos destes fornos eran o de cal, o de xeso e tamén o forno baixo, para a obtención do ferro. Estes substituíronse polos fornos rotativos, empregados na obtención de cemento, cal, dolomita e magnesia, e para a deshidratación, calcinación ou torrefacción de bauxita, alumina, minerais de ferro, etc. Emprégase tamén o forno de reverbero, no que a carga se quenta por reverberación do teito do forno e que pode ser de combustión ou de resistencia. Os fornos de cocción, que constitúen o terceiro grupo, empréganse na fabricación de cerámica, vidro e na industria alimentaria. Normalmente consisten nunha cámara ou nun túnel no que se introduce a carga, que se quenta por combustión ou a través de resistencias. Os primeiros fornos de cocción foron os fornos de pan e os de obra. Os primeiros fornos de pan quentábanse mediante a combustión de leña e, posteriormente, apareceron os de gas ou eléctricos; o queimador colócase nunha abertura, lateral ou baixo a soleira, e o vapor de auga sae polo respiradoiro. O forno de obra ou de oleiro está constituído por unha cavidade case cilíndrica dividida en tres partes: o forno de abaixo ou fogón, o forno do medio (separado do anterior por un teito furado, chamado criba, onde se colocan as pezas para a súa cocción, e o forno de arriba, para a segunda cocción das pezas vernizadas. Un tipo especial de forno de cocción é o forno de mufla, no que a carga está totalmente illada da atmosfera exterior e que se quenta por combustión ou electricidade. Finalmente, os fornos para o tratamento do petróleo son recipientes, xeralmente cilíndricos ou prismáticos, quentados por combustión.
-
s
m
[ETN]
Construción de carácter privado ou comunal formada normalmente por unha cámara de planta circular, a capela, e un teito abovedado. Esta estrutura vai asentada sobre unha base de pedra construída de lousas, o lar, onde se acende o lume para poder cocer o pan logo de dispoñer o enfornado. O oco de acceso recibe o nome de boca, e ás veces leva na parte superior unha peza saínte de pedra, chamada chapité, que impide a subida das faíscas. O lar prolóngase cara a adiante, formando unha estrutura semellante a unha mesa, a lareira, cun burato no medio a través do que cae a cinsa nun depósito interior chamado fornalleira ou borralleira. A parte superior recibe o nome de capoeira e algúns levan ao seu carón unha mesa de pedra para pousar as cousas. Recóbrese exteriormente con pedras e barro. Pode ser unha propiedade individual ou comunitaria. O individual, ao ser de uso familiar, sitúase no interior da vivenda, xunto á lareira, e exteriormente sobresae da parede en forma curva. O de propiedade comunal é unha construción independente, realizada e conservada polos veciños que deciden a rolda de cadaquén. Este espazo adoita ser de planta rectangular con muros de cachotería e xisto e, en ocasións, de cantería, con cuberta a dúas augas e tellado de colmo, xisto, tella ou lousas de granito, completa a construción unha porta de acceso e, ás veces unha pequena ventá. O espazo está distribuído de maneira que, cruzando a porta, éntrase nun lugar que ten a ambos os lados plataformas horizontais ao longo das paredes, chamadas tendais, onde se lle dá forma á masa e onde se pode durmir, e decontino está o vaso do forno, que ocupa o ancho da construción. Este tipo de fornos reunía os veciños do lugar para facer a fornada e ao mesmo tempo, a carón do lume, conversar e contar contos.
-
alto forno
Forno de cuba, duns 30 m de altitude, formado por dúas seccións troncocónicas, a superior chamada cuba e a inferior, etalaxe, unidas pola súa base máis grande e empregado na siderurxia moderna para a extracción do ferro. A zona central, máis ancha, chámase ventre. Na parte inferior hai unha zona cilíndrica formada polo crisol (a parte de abaixo) e a obra (a parte de arriba). No crisol hai dous furados, o furado por onde sae a escoura e o furado de coada, por onde se fai a coada do forno. Na obra, a uns 2,5 m do crisol, están as tobeiras, por onde se inxecta o aire. A estrutura do forno adoita ser unha prancha de aceiro reforzada con aros, revestida interiormente de material refractario e provista dun sistema de arrefriamento. O forno cárgase pola parte superior en capas alternativas de coque e mineral (óxidos de ferro), coas adicións eventuais de fundente, ferralla ou escoura enriquecedora. Na boca das tobeiras é onde ten lugar a combustión do coque co aire prequentado. Os gases producidos na combustión soben polo forno atravesando a carga, reducen unha parte dos óxidos de ferro e quentan a carga. Á temperatura de 2.000°C o coque reduce os óxidos de ferro e licúase o ferro, as impurezas e as cinzas, así como os outros produtos adicionados, e fórmase, así, a coada. Os gases que saen do forno empréganse para o prequentamento do aire de combustión, para o cowper, para o accionamento de compresores e para diversas necesidades de quentamento.
-
forno crematorio
Forno utilizado nos cemiterios para incinerar os cadáveres.
-
forno de microondas
Forno de cocción que funciona electronicamente mediante microondas (ondas de altísima frecuencia) que desenvolven calor nas substancias dieléctricas. Emprégase para quentar alimentos, cocelos ou desconxelalos.
-
s
m
[TECNOL]
-
s
m
Lugar onde se fai e se vende pan.
Sinónimos: panadería, tafona. -
s
m
Lugar onde vai moita calor.
Ex: No verán, este ático é un forno.
-
Termo do verbo dos daordes, ou xerga dos telleiros, que designa a parte da telleira de forma prismática ou cilíndrica onde se realiza a cocción.
Frases feitas
-
De forno tapado. Maneira de facer a cama sen sacudir nin ventilar a roupa.
Refráns
- Na porta do forno quéimase o pan.
- Non sexas fomeira, se tes a cabeza de manteiga.
- Ó enfomar fanse os pans tortos.
- O fomo e a vella pola boca se quentan.
- O fomo pola boca se quenta.