Baixa Austria

Baixa Austria

Land de Austria (19.174 km2; 1.518.000 h [1995]). A capital é Sankt Pölten. Esténdese, de N a S, desde a fronteira coa República Checa ata o land de Estiria, e inclúe no seu territorio a área da Gran Viena, de administración autónoma. A Baixa Austria posúe a metade das terras cultivables do país. A industria concéntrase preto de Viena (maquinaria, tecidos), na área de Sankt Pölten, Amstetten e nos arredores de Baden, que son ao mesmo tempo os principais núcleos de poboación. O petróleo e o gas natural, así como as plantas hidroeléctricas instaladas nos cursos do Danubio e o Enns, satisfacen a súa demanda enerxética. O turismo é importante na rexión alpina, onde se construiron varios balnearios. Centro da Marca creada por Carlomagno no ano 803, a Baixa Austria converteuse despois en dominio dos Babenberg (955-1246), de Otokar II, Rei da Bohemia (1246-1278) e da Casa de Habsburgo (1278-1918). Converteuse en estado da República en 1918. Dous anos despois, Viena constituíuse en estado independente. Conformou o distrito de Reichsgau Niederdonau durante o Anschluss. En 1945 recuperou a sua posición de estado.

Palabras veciñas

baixa | baixa | Baixa | Baixa Austria | Baixa California | Baixa California Norte | Baixa California Sur