bravo -va

bravo -va

(< lat barbăru ‘bárbaro, salvaxe’)

  1. adx

    Que ten mal carácter ou que manifesta violencia.

    Ex: Batéronlles uns rapaces bravos que topamos na festa. 

  2. adx Antónimos: dócil.
    1. Aplicado a un animal, que vive en estado salvaxe ou que é dificilmente manexable cando é doméstico.

      Ex: O porquiño que trouxemos da feira saíu moi bravo. 

      Sinónimos: salvaxe. Antónimos: dócil. Confrontacións: montaraz.
    2. Aplícase ao gando que ataca a miúdo cos cornos.

      Ex: Ata ben a vaca brava que hai nenos xogando no prado. 

  3. adx

    Aplícase á planta ou ao froito que nace sen ser enxertado ou espontaneamente.

    Ex: Onte topei amorodos bravos no monte. 

  4. adx

    Que desagrada ao gusto, ao tacto ou a outros sentidos.

    Ex: Non podo usar roupa de la brava. 

    Antónimos: suave.
  5. adx

    Aplícase ao mar cando presenta ondas moi violentas.

    Ex: Ó estar o mar bravo non saíron as embarcacións de pesca. 

  6. adx

    Que non presenta unhas calidades ou condicións aptas para o cultivo.

    Ex: Queren edificar a casa nos terreos bravos que lle mercaron ó seu avó. 

  7. adx

    Que é valente diante do perigo ou na loita.

    Ex: Os heroes de Troia foron todos bravos guerreiros. 

    Antónimos: covarde.
  8. adx

    Aplícase ao cheiro intenso característico dos animais do monte e dalgúns domésticos.

    Ex: A corte cheira a bravo desde que veu o carneiro.

Frases feitas

  • A bravo loc adv Sen cultivar. SIN: a campo, a monte. Ex: Desde que morreu o vello, os fillos deixaron as terras a bravo.

  • Bravo! Exclamación que denota ánimo e entusiasmo. Ex: Bravo, rapaces!, gañastes o partido nos últimos segundos.

  • Estar a bravo. Sen educación.

  • Estar feito unha fera brava. Estar rabioso.