correspondencia

correspondencia

(< corresponder)

  1. s f
    1. Acción de corresponder ou de corresponderse.

    2. Relación establecida entre cousas que se corresponden.

      Ex: Entre as palabras último e derradeiro non hai unha correspondencia perfecta. O dicionario trilingüe recolle as correspondencias dos termos entre o galego, o portugués e o castelán. 

  2. s f
    1. Comunicación entre dúas ou máis persoas por escrito mediante o intercambio de cartas.

      Ex: Mantén correspondencia co misioneiro que coñecera no Senegal. 

      Sinónimos: carteo.
    2. Conxunto de cartas, impresos e todo tipo de documentos ou envíos que circulan por medio do correo, incluídas as comunicacións telegráficas e telefónicas. A inviolabilidade da correspondencia é un dereito persoal, e calquera acción na súa contra constitúe un delito. A correspondencia relativa ás operacións dos comerciantes denomínase correspondencia mercantil.

      Ex: Como non teño moitas amizades a miña correspondencia éche moi cativa. 

      Sinónimos: correo.
  3. s f [MAT]

    Unha correspondencia entre dous conxuntos A e B vén definida como un subconxunto do produto cartesiano A¥B. Nunha correspondencia entre A e B, o conxunto A chámase dominio e o conxunto B imaxe. Se cada elemento do dominio se corresponde cun ou ningún elemento do conxunto imaxe, a correspondencia é unha función. Pódese falar de composición ou produto de correspondencias. Se C 1 é unha correspondencia entre A e B, e C 2 é unha correspondencia entre B e C, C 2 ¥C 1 é a correspondencia entre A e C, definida deste xeito: (a,bC 2 ¥C 1 se existe un bÎB tal que (a,bC 1 e (b,cC 2 . O produto de correspondencias é asociativo. A correspondencia particular entre A e A chámase relación definida en A.

  4. s f [LIT]

    Manifestación literaria dun concepto procedente do esoterismo, que defende a existencia de analoxías ocultas entre os diferentes elementos que compoñen o universo. Reflíctese nos textos no entrecruzamento de sensacións, de xeito que unha se entenda en termos doutra, producindo relacións e coincidencias inesperadas entre elas, por exemplo, asociacións de sons e formas, ou cores, e olores que confirman a lei suprema da creación, a variedade na unidade e a unidade na variedade. Este procedemento está na base da figura retórica coñecida como sinestesia. A publicación de Arcana Coelestia (1745-1756), de Enmanuel Swedenborg, supuxo un avance importante no desenvolvemento do concepto. Preséntao como unha resposta á necesidade humana de localizar un elemento común a toda a realidade material, que xustifique a súa unidade. A obra establece tamén un vínculo cos símbolos, ao concibir o home como unha síntese do mundo material, representada polo seu corpo, e do celeste ou sobrenatural, a onde apunta a alma. Posteriormente, converteuse nun dos piares básicos do pensamento romántico alemán e nun dos temas recorrentes nos principais autores do movemento, como G. de Staël ou Goethe. Na segunda metade do s XIX, retomouno o simbolismo, en especial Baudelaire, quen o aplicou ás súas reflexións sobre a arte e á mesma composición poética, como reflicte o soneto “Correspondances”, integrado en Les fleurs du mal (As flores do mal, 1857). Seguidamente, pasou ao modernismo. O seu tratamento documéntase en autores hispanoamericanos, como Leopoldo Lugones, e españois, como Valle-Inclán. Henri Morier en Le rythme du vers libre symboliste (O ritmo do verso libre simbolista, 1961), revisando a tradición iniciada por A. W. Schlegel, estudiou as correspondencias que se establecen entre a sonoridade das palabras e os seus posibles valores simbólicos.

  5. [FÍS]

    Principio que relaciona a mecánica clásica coa cuántica. Estableceuno Niels Bohr en 1923 ao afirmar que os resultados da mecánica clásica poden servir de guía na elaboración da mecánica cuántica e dan, deste xeito, unha imaxe coherente do mundo real. Na nova formulación da mecánica cuántica, o principio de correspondencia establece que o valor medio dun determinado estado cuántico ten que ser reducido, no límite (cando a constante de Planck h tende a cero), ao valor clásico da magnitude correspondente.