abstand*

abstand*
[LING]

Termo tirado polo lingüista croata Žarco Muljačić do seu antecesor Heinz Kloss (1958) e que equivale a Lingua por Distancia. Este concepto fai referencia ás características internas dunha variedade lingüística fronte a Lingua por Elaboración ( Ausbau ) que alude ao compoñente socio-cultural que esta adquire da sociedade na que se insire. Segundo Muljačić, o galego é unha variedade de Lingua por Distancia Galego-Portuguesa derivada da fragmentación do latín na Gallaecia e que conta cunha certa cohesión interna e con trazos diferenciais fronte aos diasistemas veciños como o astur-leonés e o castelán. Esta Abstand Galego-Portuguesa deu lugar, á súa vez, a dúas Linguas por Elaboración: o portugués que se vén consolidando como Ausbau dende o século XVI -e que hoxe posúe un estándar europeo e outro americano- e o galego que o vén facendo dende o s XIX.