acendido -da

acendido -da

(< acender)

  1. p reg

    de acender.

  2. adx

    Que queima, que está en combustión.

    Ex: Tiñan a estufa de leña acendida dende a mañá.

    Sinónimos: prendido.
  3. adx

    Refírese á persoa que ten as meixelas de cor rubia.

    Ex: A nena estaba acendida polos piropos que lle botaron.

  4. adx

    Moi irritado, cheo de carraxe.

    Ex: Despois da liorta co seu irmán marchou acendido para o traballo.

  5. s m

    Acción e efecto de acender.

    Ex: Non funciona o acendido do aire acondicionado.

    Sinónimos: acendemento.
  6. adx [HERÁLD]

    Animal que ten os ollos de distinta cor que a figura. Tea ou facho cando a súa chama é de diferente esmalte.

  7. [TECNOL/IND]
    1. s m

      Mecanismo que ao accionalo pon en funcionamento unha máquina ou aparello.

    2. s m

      Acción de iniciar a combustión da mestura carburante nos motores de combustión. Empréganse diversos sistemas de acendido. No sistema de acendido por batería, o dispositivo consta dunha batería de acumuladores que alimenta o circuíto primario de baixa tensión formado polo enrolamento primario dunha bobina de indución, o condensador e o ruptor. Ao abrir subitamente o circuíto primario por medio do ruptor prodúcese no secundario da bobina unha tensión elevada (de 5.000 a 10.000 voltios). Para que a caída de intensidade sexa máis rápida e ao mesmo tempo para evitar que salte unha chispa entre os terminais do ruptor, conéctase, en paralelo, un condensador. A tensión secundaria transmítese ás buxías na orde conveniente e no instante adecuado ao avance mediante un distribuidor. O sistema de acendido por magneto é idéntico ao anterior, coa única diferenza de que a tensión no circuíto primario está producida por un pequeno xerador magnetoeléctrico (magneto). Este sistema emprégase máis a miúdo en motores pequenos, nos automóbiles de competición e nos motores de aviación. No sistema de acendido transistorizado, un tiristor pecha e abre o circuíto primario, de alta intensidade, da bobina segundo os impulsos do mando, de baixa intensidade, xerados nos distribuidores por un ruptor convencional ou por un sensor de efecto Hall. O tiristor permite un paso de corrente de intensidade máis elevada que un ruptor e, grazas a iso, conséguese un incremento da enerxía da chispa e, como consecuencia, unha mellor combustión da mestura; doutra banda, como polo ruptor pasa unha corrente de débil intensidade, os contactos destes teñen unha duración máis longa. Nos sistemas de acendido electrónico, o instante preciso de producirse a chispa está determinado por un microordenador, que avalía parámetros como o número de voltas do motor, a temperatura da auga do circuíto de refrixeración, a depresión moderada no circuíto de aspiración e a posición da bolboreta do carburador e, en función dunhas condicións de funcionamento óptimo que ten memorizadas, xera o sinal oportuno para producila. Respecto aos anteriores, este sistema ten a vantaxe de que case non lle cómpre mantemento porque, ao non haber pezas móbiles, non hai desgaste nin desaxuste e permite unha mellor combustión. Actualmente téndese a aproveitar as posibilidades que ofrece a regulación electrónica para tratar globalmente o tema da combustión, que comprende non só o problema da regulación do avance da chispa senón tamén o da cantidade de aire e de combustible que cómpre introducir en cada ciclo dentro da cámara, e, así, desenvólvense os sistemas de acendido e inxección electrónica integrais.

    3. acendido superficial

      Inicio espontáneo da combustión da mestura de carburante dun motor debida á existencia de zonas excesivamente quentes ou á presencia de partículas carbonosas incandescentes.

Palabras veciñas

acendedor -ra | acendemento | acender | acendido -da | aceno | acento | acentuable