actor -triz
(< lat actīce ‘a queactúa, a que representa’)
-
adx e s
Que ou quen realiza unha cousa.
Sinónimos: axente. -
s
[ESPECT]
A actriz ou o actor é un dos dous elementos necesarios para que o acto teatral se poida producir pois, como subliñaba Jerzy Grotowski, o teatro pode existir sen decorados, vestiario, luces, maquillaxe, obxectos ou espazo escénico, mais sempre precisará do actor que interprete a acción e do espectador que converta a interpretación en comunicación. O home que actúa no espazo baleiro e o home que o mira serían os dous elementos pertinentes do feito teatral, trazos diferenciais a partir dos que Peter Brook constrúe unha das máis interesantes visións que se ofreceron do teatro no s XX, The empty space (O espazo baleiro, 1968). Sendo unha das profesións máis vellas na historia da humanidade, ten sido unha das máis desprestixiadas e, coa conversión de Roma ao cristianismo, actores e actrices conformaron un dos colectivos máis perseguidos e atacados pola Igrexa, ata o punto de que durante séculos foilles negado o dereito a seren enterrados en sagrado. Sometidos durante séculos aos ditados de autores, empresarios, directores e dos poucos compañeiros que acadaban o rango de protagonista, a profesión de actor recuperou o seu rol de figura central no feito teatral na década de 1960 co auxe do movemento da Creación Colectiva que procuraba recuperar o protagonismo creativo para o grupo. A formación do actor e da actriz ten sido unha preocupación permanente de filósofos, literatos, artistas e directores, e unha das primeiras achegas nese eido foi a obra de Denis Diderot Paradoxe sur le comedien (Paradoxo sobre o actor), á que seguiron traballos significativos de Edward Gordon Graig, Konstantin Stanislavski, Vsevolod E. Meyerhold, Bertolt Brecht, Jerzy Grotowski, Augusto Boal, Alain Badiou ou Eugenio Barba. Francia e Inglaterra foron pioneiros na progresiva institucionalización académica da formación teatral que, na actualidade, ten carácter universitario en moitos países do mundo, en tanto que no Estado Español depende das Escolas Superiores de Arte Dramática que conceden unha titulación equivalente á de licenciado universitario. Outro dos aspectos de relevo na lexitimación social e profesional da actividade dos actores ten que ver co recoñecemento e defensa dos seus dereitos laborais, sendo como é unha profesión intermitente e sometida a diversas variables. Por esta razón, nos últimos anos, o asociacionismo ten sido especialmente significativo e non só na reivindicación de dereitos tan elementais como a necesidade de subscribir convenios que regulen as diferentes actividades propias do eido profesional, o dereito á seguridade social e a unha xubilación digna ou as prestacións por desemprego, senón tamén na creación de instrumentos que faciliten a proxección social do actor e da actriz. O primeiro actor do que se ten noticia en Galicia, foi un mimo que frecuentaba a corte do rei suevo Teodomiro e do seu sucesor Mirón. Con posterioridade, as terras de Galicia de seguro foron testemuñas das funcións de xograres, arremedadores, cazurros, nigromantes, titiriteiros e mascarados presentes na tradición oral galego-portuguesa, e das representacións daquelas compañías das que dá noticia Agustín de Rojas na súa obra El viaje entretenido (1603). Tanto as prohibicións eclesiásticas coma as contratacións de compañías que se fixeron en Compostela, Pontedeume, Betanzos ou Pontevedra para determinadas festividades dan conta dunha actividade teatral permanente no ámbito da cultura dominante e no da cultura minorizada e marxinal. O “Entremés famoso sobre a pesca do río Miño”, escrito por Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, evidencia a existencia dunha dramaturxia popular tan rica como estendida. Así mesmo, o emprego permanente dos diálogos como recurso lúdico ou instrumento de crítica social testemuñan a existencia dunha manchea de actores anónimos que mantiveron viva a tradición teatral popular e dos que Xan da Coba Gómez pode ser unha especie de representante ilustrado. A profesión teatral en lingua galega tivo, nos seus inicios, carácter non profesional e constituía un exercicio de afirmación da identidade, sobre todo se consideramos as dificultades, burlas e atrancos que tiñan que padecer aqueles afoutados actores que iniciaron o rexurdimento teatral galego na época do Teatro Rexionalista. Daquela época fundacional do noso teatro cómpre lembrar a actores e actrices como Consuelo Puga, Eduardo Sánchez Miño, Manuel Sánchez Hermida, Euxenio Charlón Arias, Bernardo Bermúdez Jambrina, Fernando Osorio do Campo, Ricardo Vidal Vázquez, Isadora Rodríguez ou Nicolás de las Llanderas, sen esquecer a Maruxa Villanueva, Maruxa Boga ou Fernando Iglesias (Tacholas), quen desenvolveron unha grande actividade en Bos Aires. O desenvolvemento definitivo da profesión teatral en Galicia produciuse a partir de 1978, ano no que se constituíron as primeiras compañías profesionais. En 1984 principiou o proceso de consolidación coa creación do Centro Dramático Galego, compañía institucional que veu a lexitimar e validar, coa súa posta en marcha, a existencia e a necesidade dos oficios teatrais. A posta en marcha da Televisión de Galicia e a promoción de iniciativas como os Premios Compostela de Teatro, patrocinados por El Correo Gallego, ou dos máis recentes Premios María Casares, organizados desde a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, constitúen plataformas que están contribuíndo a lograr a definitiva consolidación e lexitimación dunha profesión milenaria. O percorrido seguido polos actores que representaron teatro en castelán foi moi semellante pero perdurou máis no tempo. Nos anos setenta o fenómeno do Teatro Independiente tivo unha gran repercusión en Galicia, especialmente en Vigo, onde en 1972 naceron as Xornadas de Teatro Independente, patrocinadas por Caixavigo, polas que ao longo de catro convocatorias pasaron os máis importantes grupos do teatro comprometido da época e os principais teóricos e críticos. O motor daquelas xornadas foi o grupo vigués Esperpento Teatro Joven, liderado por Xulio Lago e Dorotea Bárcena, quen posteriormente se profesionalizaron creando a compañía La Picota, radicada en Madrid pero integrada por actores galegos.
-
s
[ARTE]
Persoa que interpreta, representa ou encarna un dos personaxes dunha obra escénica, cinematográfica, radiofónica ou televisiva. No cinema os actores mimetízanse e empregan as técnicas teatrais na súa primeira época. O afianzamento da específica linguaxe cinematográfica a través de David W. Griffith comeza a diferencialos. En 1928, Carl Dreyer apoiou a expresividade da obra A Paixón de Xoana de Arco na presencia e na exploración da faciana da actriz máis ca na súa mímica. Este achado foi formulado teoricamente por Lev Kulessov cun experimento -coñecido daquela como efecto Kulesov- consistente en facer ver como o público, diante do mesmo plano dun actor montado en diferentes planos de significación emocional moi diversa, apreciaba diferentes interpretacións en cada un dos casos. Así, no cine, o actor pasaba de ser un elemento máis, integrado na figuración do plano. Isto permitiu a incorporación de non profesionais, como sistematicamente postula o neorrealismo, do actor antiinterpretado do cinéma-vérité e doutras tendencias do cine moderno. A gran difusión do oficio de actor, no s XX, grazas á introdución dos novos medios (cine e televisión), comportou uns novos tipos de actor e uns específicos fenómenos sociolóxicos como a star e a conseguinte explotación socioeconómica e política destes fenómenos nas masas a través do star system.