alba

alba

(< lat albu 'branco')

  1. s f

    A primeira claridade do día, o momento que a luz do sol comeza a embranquecer o horizonte.

    Ex: Espertaron á alba para comezar cedo a cacería.

    Sinónimos: abrente, albor, alborada, amañecer, amencer, aurora, rompente.
  2. s f

    Comezar a clarear o día, a punta do día.

    Ex: Vimos unha alba preciosa.

  3. s f [ASTRON]

    Nome popular do planeta Venus, tamén denominado luceiro do día, luceiro da mañá e estrela do pastor.

  4. s f [LIT]

    Xénero literario, cultivado especialmente polos Minnesänger alemáns, na orixe do cal conflúen probablemente dúas tradicións: unha de tipo folclórico (os cantos de aurora, ou alboradas) e outra de procedencia litúrxica (os cantos matutinos), ás que se suma un elemento militar, feudal (a presencia do gaita ou spiculator, ‘vixía’). Todo iso é aproveitado pola lírica trobadoresca occitana para dar lugar a unha modalidade culta de contido amoroso que trata o tópico da separación dos amantes, unha separación tan forzosa e involuntaria como pode producirse noutras circunstancias, pero que neste caso combina a joi experimentada durante a noite que pasaron xuntos coa tristeza da partida. A escena típica das albas representa o vixía (gaita) -normalmente un amigo ou servente do namorado- espertando os amantes e advertíndolles que chegou a hora da separación porque, coa chegada do día, poden ser descubertos polo marido da dona (gilós) ou por algún maldicinte (lauzengiers), que os vai denunciar. Poden producirse variantes, como por exemplo, que sexa a propia dama a que esperte o seu amigo, que un dos protagonistas -ou os dous- maldigan ese mencer que os separa, mesmo que o gaita sexa un paxaro, etc. E pode ser todo o texto un monólogo ou aparecer, polo menos esbozado, un diálogo (o namorado que responda ao gaita, por exemplo). Os elementos imprescindibles para o recoñecemento do xénero son: a presencia, explícita ou implícita, dos dous membros da parella que pasaron a noite xuntos e do vixía encargado de velar pola súa seguridade. No xénero occitano aparece normalmente a palabra que serve de “marca” para a súa identificación, alba, case sempre en posición de rima (pode ser mesmo unha palabra rima ou servir de núcleo a un refrán). A alba profana ten un correspondente relixioso (e algunhas albas occitanas poden ser susceptibles da doble interpretación, sobre todo se non resulta tan clara a situación descrita arriba), pero o significado da alba é o contrario, posto que, nos textos relixiosos, a luz representa a Cristo, a salvación, e a súa chegada supón unha liberación das penas da noite, que simboliza o pecado, as tebras. Na lírica galego-portuguesa hai un só texto que se aproxima a este xénero galorrománico: a cantiga “Levad’, amigo, que dormides as manhãas frias, de Nuno Fernandez Torneol. Pero o contacto máis estreito que mantén con el estriba precisamente nese verso de íncipit porque, a partir de aí, desaparece calquera referencia a ese momento do día. Tampouco hai alusións ao acto de separación non desexada dos amantes nin á presenza do vixía ou ao risco de seren descubertos. En lugar de todo isto, a amiga entoa un lamento en tempo pasado a través de oito estrofas en dísticos paralelísticos, rematadas nun refrán que contrasta co contido das cobras tanto no tempo verbal utilizado coma na expresión dun sentimento de ledicia que parece totalmente ausente no momento da rememoración de momentos felices compartidos (“leda m’ ando eu”). Non é impensable que -igual que sucedía coa pastorela- algúns trobadores galego-portugueses utilizasen conscientemente esas referencias ocasionais ás albas ultrapirenaicas, aínda que só fose na utilización do termo-clave do xénero. Pero a palabra alba aparece empregada en composicións totalmente carentes dos elementos definitorios do xénero, como “De que morredes, filha, a do corpo velido?, de Don Dinís, que é un diálogo entre a nai e a amiga, no que este confesa morrer de amores cando contempla a cinta que leva polo seu amor e lembra o que falou con ela; o refrán “Alva e vai liero” resulta aquí de difícil interpretación. Noutra cantiga do mesmo autor, “Levantou-s’ a velida, aparece polo menos esa mención de saír do leito, pero suscítase un novo problema co uso do termo posto que nos versos do refrán “Levantou-s’ alva” e “Vai-laslavar alva” parece ser un adxectivo en función predicativa co seu significado etimolóxico ‘branca’; a non ser que os interpretemos como ‘levantouse á alba’, ‘vainas lavar á alba’ ou pensemos mesmo nunha polisemia utilizada conscientemente. Téñense buscado tamén motivos da alba en dúas composicións de Juião Bolseiro, “Aquestas noites tan longas que Deus fez en grave dia e “Da noite d’eire poderam fazer, nas que nin sequera se menciona o termo específico; só porque nelas aparece a noite como tempo de encontro dos amantes. Non obstante , ese motivo da cita nocturna, na segunda das cantigas mencionadas, presenta variantes importantes con respecto ás albas occitanas dado que, por unha parte, o que se destaca é a contraposición entre a noite anterior, pasada en soidade e polo tanto interminablemente longa e a presente, alegrada pola presenza do amante. Ademais, no mesmo texto, o motivo da luz xa non é o anuncio do día inminente senón a manifestación da presencia do amado co que presenta, se callar, máis concomitancias coa alba relixiosa (substituíndo a Cristo polo amigo).

  5. s f [PESCA]

    Pesca de arrastre que se fai no crepúsculo matutino aproveitando que os peixes neste momento se mostran máis activos, factor que facilita a captura.

  6. s f [RELIX]

    Túnica branca empregada en determinadas cerimonias litúrxicas polo clero cristián. Remata nos pés e cínguese ao van cun cinto chamado cíngulo.

Palabras veciñas

Alaxeiro | alazán | alazón | alba | Alba | Alba | Alba