alcabala
(< ár al-qabāla ‘ocontrato, o imposto’)
-
s
f
[HIST/ECON]
Tributo que gravaba as vendas de todos os produtos, pagado polo vendedor á facenda pública, consistente nunha porcentaxe do prezo que figuraba no contrato de compravenda. No caso de tratarse dunha permuta, debía ser pagado por ambos contratantes. Era, xa que logo, un imposto indirecto gravante das transaccións mercantís, que afectaba a todas as categorías sociais. Ben que a alcabala foi a máis importante fonte de ingresos da Coroa, constituíu un grave obstáculo para o comercio. Foi establecida no 1341 por Afonso XI de Castela, con carácter temporal e limitada ao 5% do valor das mercadorías; a dinastía Trastámara converteuno en perpetuo, elevándoo ao 10%. Foi suprimido polas Cortes de Cádiz, pero non desapareceu definitivamente ata 1845, coa reforma tributaria de Mon. A oposición ao establecemento das alcabalas nos Países Baixos Españois foi moi forte, sufrindo aprazamentos durante dous anos e rematando nunha parálise comercial. Nas colonias españolas impúxose entre 1571 e 1591 un dereito de alcabala do 2 ao 6% sobre todas as transaccións comerciais, agás das realizadas entre indios. O estudo das reparticións de alcabalas permite o coñecemento do volume de negocios en canto ás transaccións realizadas dentro de cada actividade económica, tentando medir, ante todo, o valor das rendas de cada clase de mercadorías. Constituía un bo índice para o coñecemento da cantidade de diñeiro que as distintas actividades económicas facían circular. Así, en Galicia, segundo a repartición de alcabalas, moitas poboacións urbanas aparecían como nós de contratamento e distribución de mercadorías, antes que como centros de produción artesanal, reflectindo a importancia real das distintas actividades na economía, non o número de persoas que as exercían. Isto contrasta cos datos obtidos do estudo da dedicación profesional, incidindo a natureza mesma do gravame, polo tanto, máis no comercial ca no industrial e artesanal. Por isto é polo que as clases rendistas, os privilexiados en xeral, non se ven tan afectados polo imposto coma os comerciantes de máis entidade. Nas cidades a distribución responde ao valor das actividades mercantís de cada actividade económica; no mundo rural os repartimentos individuais de alcabalas marcan ben a xerarquización da sociedade campesiña. Ao vir definido segundo o peso económico de cada ramo ou “membro”, a recadación da alcabala seguía un sistema moi semellante dunhas poboacións a outras, diferenciándose fundamentalmente entre as das poboacións urbanas do interior e as de beiramar, nas que gran parte do imposto recaía sobre o peixe, o sal e as importacións portuarias, especialmente o viño. A recadación sobre estas tres especies chegaba, nalgún caso, tanto en grandes portos como en pequenos, a representar ata as catro quintas partes das alcabalas. O aumento do rendemento das alcabalas a finais do século XV e principios do XVI prodúcese tanto pola recuperación económica, que implica un acrecentamento das transaccións comerciais, como polo asentamento do poder real. O valor das alcabalas en Galicia pasou de 16’3 millóns de marabedís no 1504, que representaron o 5’5 % do total da Coroa de Castela, a 29’8 millóns no 1603, un 2 % do total recadado. Se ben o valor nominal case se duplica no prazo dun século, o dato porcentual non debe estrañar ao ter en conta dinámicas características do s XVI como a inflación e o aumento dos prezos, as continuas bancarrotas, o acrecentamento da transacción de mercadorías e o pulo demográfico. As cifras de recadamento de alcabalas son ben indicativas de como a fiscalidade recae fundamentalmente nas economías urbanas, sobre todo, no caso galego, nas litorais (ver cadro). Os ingresos de propios, ao ser de natureza moi semellante ás alcabalas por se cobraren sobre mercadorías vendidas en mercados locais ou importadas por mar, foron incorporados ás alcabalas, en beneficio da Real Facenda e en detrimento dos concellos, que tiveron que recorrer a arbitrios para obteren ingresos nas súas empobrecidas facendas do Antigo Réxime.
Confrontacións: carga, contribución, taxa, tributo. -
alcabalas alienadas Aquelas que non eran computadas pola Real Facenda ao non as recadar directamente.
-
alcabala do vento Tributo que alguén debía pagar polas mercadorías que vendía nun lugar no que era forasteiro.