alpendre
(
Dependencia de almacenaxe construída normalmente a carón da casa tradicional agraria ou mariñeira. A función desta construción adxectiva é gardar o carro, a embarcación, os apeiros de labranza ou mesmo para abrigar os traballos agrícolas e obradoiros artesanais nos días de chuvia. Sitúanse no recinto de entrada á casa ocupando un espazo de seu, de maneira illada ou como un corpo acaroado ao núcleo central desta. A súa estrutura varía desde as formas máis primitivas de zonas de montaña, integradas por unha armazón triangular a dúas augas coas vertentes ata o chan recubertas con palla, ramallos e xestas, ata as máis complexas de madeira e pedra; este último tipo presenta formalmente planta cadrada ou rectangular e aberturas a un ou varios lados. Cando o alpendre está achegado á vivenda, adopta a planta cadrada con muros de pedra de cachotería a ambos lados, unha abertura central ou aberturas laterais e cuberta a unha auga suxeita sobre dous esteos de pedra aos lados; cando pola contra constitúe unha construción illada, a planta é rectangular con muros de cachotería en granito e abertura frontal ou ben cun muro lateral, o resto da estrutura é aberta e con esteos de pedra que suxeitan a estrutura en madeira da cuberta a dúas augas, normalmente de tella do país. Nalgúns casos os alpendres serven de abrigo ao forno ou mesmo ao lagar e, ás veces, a parte superior habilítase como secadoiro de palla.