alternador
(< alternar)
Máquina eléctrica rotativa que xera correntes alternas. Xeralmente empréganse máquinas síncronas nas que o indutor é o rotor, e o inducido o estator. O rotor está constituído por un núcleo de material ferromagnético, provisto dunhas expansións polares nas que se dispoñen as bobinas indutoras. Este tipo de rotor cun ou máis pares de polos sobresaíntes é o máis empregado. Pero en alternadores de gran velocidade o rotor está constituído de forma cilíndrica, de xeito que o entreferro é constante. O rotor de polos sobresaíntes coñécese co nome de roda polar, mentres que o cilíndrico ou de polos lisos recibe o nome de turborrotor e o alternador correspondente a este, turboalternador. As bobinas indutoras neste caso están encaixadas nunhas fendas dispostas na periferia. O estator está colocado no interior dunha carcasa de aceiro fundido e está formado por un núcleo de pranchas magnéticas provistas de fendas no interior das que dispón o circuíto inducido. A alimentación do circuíto indutor faise con corrente continua, e pode ser independente, mediante unha fonte exterior ou ben mediante a máquina mesma, xa sexa coa corrente xerada por unha dínamo auxiliar chamada excitatriz, montada sobre o mesmo eixo do alternador ou aproveitando a corrente alterna producida despois de o ter rectificado. A corrente continua de excitación é conducida ata o rotor por medio duns aneis colectores e unhas vasoiriñas. Para facer xirar o rotor empréganse motores endotérmicos ou turbinas hidráulicas nos alternadores correntes e turbinas de vapor nos turboalternadores. Os alternadores acostuman ser polifásicos; normalmente son trifásicos, de xeito que hai nel tres circuítos independentes idénticos pero dispostos formando un ángulo eléctrico de 120° entre eles. Raramente emprégase a máquina asíncrona para producir correntes alternas. Faise xirar a unha velocidade superior á síncrona; a corrente de excitación vén abastecida pola mesma rede de distribución, o que supón un inconveniente. Ademais, o alternador asíncrono non pode xerar enerxía reactiva e, por iso, este tipo de alternador se emprega soamente en casos moi especiais.