Álvaro Cunqueiro, Premio de Narrativa
Premio literario creado polos concellos de Vigo e Mondoñedo en 1991, ano no que se lle dedicou a Álvaro Cunqueiro o Día das Letras Galegas, co propósito de homenaxear a memoria deste escritor e difundir a súa obra e o seu significado na cultura galega. Convócase bianualmente e nel poden participar novelas ou conxuntos de relatos inéditos, sempre que superen as cento cincuenta páxinas. O fallo do xurado faise público normalmente o 22 de decembro, data que coincide co nacemento de Cunqueiro. Está dotado con dous millóns de pesetas. Na súa primeira edición (1991) resultou premiado Xesús Rábade Paredes coa novela Branca de Loboso; en 1993 Alfonso Álvarez Cáccamo co volume de relatos Xente de mala morte; en 1995 Xavier Lama cos relatos de Os moradores da nada. Na edición de 1997, a cuarta, tívose que adiar o ditame por mor do gran número de orixinais presentados. O fallo deuse a coñecer o 28 de de febreiro de 1999, coincidindo co aniversario do falecemento de Cunqueiro, e a gañadora foi Marilar Aleixandre coa novela A compañía clandestina de contrapublicidade.