Anjou

Anjou

Antiga provincia de Francia que foi máis unha unidade política ca xeográfica. As súas fronteiras coinciden aproximadamente coas do actual departamento do Maine e Loira. O territorio de Anjou estaba poboado polos celtas anxevinos no momento da ocupación romana. No s IX apareceu o condado de Anjou en loita contra os normandos. Entre os seus primeiros condes sobresaíu Jofre Plantagenet, que casou con Matilde de Inglaterra. O fillo de ambos, Enrique II Plantagenet, Rei de Inglaterra, uniu Anjou á coroa inglesa e, deste xeito, o condado pasou a formar parte dun vasto imperio que comprendía Inglaterra, Normandía, Bretaña, Aquitania e Gascuña. En 1203 foi confiscado e unido á coroa francesa á que non habería pertencer de forma definitiva ata 1481, durante o reinado de Luís XI de Francia. As guerras de relixión que tiveron lugar en Francia entre os anos 1560 e 1590 devastaron practicamente Anjou. En 1793 converteuse no escenario da contrarrevolución da Vendée. Anjou constituíu ata a Revolución unha gobernación con capital en Angers.

Palabras veciñas

anite | aniversario | Anjō | Anjou | Anjou, condado de | Anjou, ducado de | Anjouan