Anjou, condado de

Anjou, condado de

Título concedido en 870 a Ingelger (morto no 888), fundador da primeira dinastía anxevina, da que saíron os Plantagenet que reinaron en Inglaterra. O conde Foulques V foi Rei de Xerusalén (1131), o seu fillo Godofredo V casou con Matilde, filla do Rei inglés, e foron pais de Enrique II de Inglaterra. En 1203 o Rei de Francia confiscoulles Anjou aos ingleses anexionándoo á súa coroa. Luís VIII de Francia deixoullo en testamento ao seu fillo Carlos, fundador da segunda dinastía anxevina, quen, en 1246, adquiriu o condado de Provenza ao casar coa condesa Beatriz e ocupou o reino de Nápoles e Sicilia (1266). A súa política italiana enfrontouno coa coroa de Aragón porque Pedro o Grande aspiraba a herdar Sicilia a través dos dereitos da súa muller Constanza. Como consecuencia das alianzas matrimoniais, xurdiron desta segunda dinastía de Anjou as ramas dos reis de Nápoles e condes de Provenza, extinguida en 1382; a dos reis de Hungría e Polonia, fundada por Carlos Martel; a dos príncipes de Tarento, formada por Filipe (morto en 1332), tamén fillo do mencionado Carlos II, rama que acabou por herdar o Imperio latino de Constantinopla; e os duques de Durazzo, iniciada por Xoán (morto en 1336), titulado Rei de Albania, outro fillo do citado Carlos II. Esta rama reinou en Nápoles do 1382 ao 1435. O condado de Anjou deullo Carlos II de Nápoles á súa filla Margarita, quen llo achegou ao seu marido Carlos, conde de Valois e de Alençon, e pretendente da coroa aragonesa por mor da excomuñón do Rei Pedro II de Aragón por parte do Papa Martiño IV. O seu fillo, Filipe VI de Francia, anexionouno á coroa en 1328, pero Xoán II de Francia separouno novamente en 1360 converténdoo en ducado.

Palabras veciñas

aniversario | Anjō | Anjou | Anjou, condado de | Anjou, ducado de | Anjouan | Anju