antoloxía
(
Recompilación de textos de varios autores ou de varias obras dun mesmo autor feita en atención a criterios cronolóxicos, temáticos, formais ou didácticos. A súa orixe remóntase ás escollas de epigramas iniciadas na Grecia Antiga por Meleagro de Gándara (s II a C), actualmente perdidas, que foron recuperadas en gran parte na Anthologia inedita codicis palatini do poeta bizantino Constantino Céfalas (s X). Durante a Idade Media e o Renacemento adoptou a forma de cancioneiro, romanceiro, coroa poética, etc. A expansión da industria editorial do s XIX produciu unha proliferación de antoloxías que continuou no s XX. Teñen unha intencionalidade informativa como mostra da produción dunha época ou tendencia determinadas, contribúen á fixación do canon e, nalgúns casos, á conservación do patrimonio literario, como ocorreu cos Cancioneiros da lírica galego-portuguesa. Considérase que as primeiras antoloxías da literatura galega foron o Álbum del Miño (1858), unha colección de artigos escritos en galego e castelán, e o Álbum de la Caridad (1862), que inclúe as composicións poéticas premiadas nos primeiros xogos florais (1861). Exemplos de antoloxías máis recentes son Desde a palabra doce voces. Nova poesía galega (1986), colección de poemas dos anos 80, e dEfecto 2000. (Antoloxía de poetas dos 90, 1999).