antropotoponimia
(
Conxunto de antropotopónimos. Dentro da antropotoponimia galega cómpre distinguir dous grupos fundamentalmente: a antroponimia de orixe latina e a antroponimia de orixe xermánica. Moitos dos antropotopónimos galegos son de orixe latina, o cal non implica que se teñan que remontar á época romana, xa que fronte aos que teñen unha cronoloxía inequivocamente romana están aqueles que son de formación medieval ou posterior e que constitúen a gran maioría. Na época romana para denominar un edificio, un terreo ou unha construción rural poñíase primeiramente o nome xenérico ou palabra común que definía o tipo de propiedade ou edificación; fundamentalmente villa (construción rural romana, illada e unifamiliar, con función residencial e de produción agropecuaria) e fundus (terreo de explotación agropecuaria). Minoritariamente, podíanse empregar outros nomes pertencentes ao léxico agrario, como pagus (circunscrición territorial rural), praedium (fundus), ager (terras de labor), saltus e silva (zona de bosque, monte ou prado), etc. Despois poñíase o nome do posesor que individualizaba cada un deses establecementos rurais. O nome do posesor podía aparecer fundamentalmente de dúas maneiras e sempre en función adxectiva con valor posesivo: a) concordando coa palabra común o antropónimo sufixado. O sufixo máis empregado é -anus (casos masculinos) e -ana (casos femininos). Deste xeito unha villa fundada por un individuo chamado Laurentius denominaríase mediante a fórmula villa Laurentiana (> Lourenzá); de igual maneira, no caso dun fundus, recibiría o nome de fundus Laurentianus. Outros sufixos empregados, pero secundarios, son os de orixe celta -acus, -aca (villa Corneliaca, fundus Corneliacus); b) o nome persoal desprovisto de sufixo específico, ben por medio da forma insufixada adxectiva aplicable a todos os antropónimos con desinencia -us, -ius, ou ben mediante o xenitivo do nome persoal. Deste xeito teremos tanto unha villa Cornelia como unha villa Cornelii, e tamén un fundus Cornelius e un fundus Cornelii. Cando este sistema de denominación das propiedades rurais romanas inicia o proceso de toponimización, dáse moitas veces a perda do primeiro elemento da denominación, é dicir, o nome común ou xenérico. Canto máis común e obvia é a realidade designada (as villae e fundi), maior tendencia hai á perda do nome común por inespecífico e polo tanto inútil para formar topónimos; queda así só o nome do posesor, sendo suficiente para expresar o nome do lugar (ex: Pol, Marcelle, Marín, Cornellá, etc). Este proceso non é moderno senón que xa se podía constatar no mundo romano. Tamén é posible que os dous elementos se toponimicen, pero isto é minoritario e só se dá con certa frecuencia na época medieval (ex: Vilamor, Vilapol, Vilapedre, Castropol, etc). De acordo co que acabamos de expor, calquera topónimo galego que se remonte a un antropónimo latino con valor adxectivo, en principio, pode estar indicando a presenza dunha antiga villa ou fundus romanos. Non obstante , hai que ter en conta que este sistema de denominación romano puido pervivir en épocas posteriores. Deste xeito, habería que diferenciar os antropotopónimos de época romana dos de formación plenamente medieval, aínda que practicamente todos os antropónimos romanos perduraron durante a Idade Media. Con todo, é posible establecer unhas pautas localizadoras: os antropotopónimos que remontan á forma xenitiva dun antropónimo latino (a maioría dos conservados en Galicia) son, con moita probabilidade, indicios de cronoloxía medieval, xa que este procedemento foi pouco empregado no Imperio Romano fronte á clara supremacía das formas sufixadas segundo indica a comparación entre fontes documentais latinas e romances. Este tipo de formación reflicte a existencia de villae, villares, loca, etc, pero fundados a partir do s VI e VII ata o XII e XIII; evidentemente xa moi distintos dos seus antecesores romanos. Inversamente, aqueles topónimos galegos que remonten a un antropónimo latino sufixado en -anus, -ana deben datar de época romana (para Galicia ss I-V d C, posto que a partir desta última data unha villa pertencente a Aurelius nunca se chamaría Aureliana senón Aurelii). A antroponimia de orixe xermana dominaba durante a Idade Media sobre os nomes de procedencia latina; segundo se pode comprobar polos documentos da época, ocupou un lugar predominante ata o s XIII. A partir de nomes de posesores de orixe xermánica tamén se formaron un gran número de topónimos galegos: Toimil, Distriz, Guitiriz, Beariz, Romariz, Belesar, Rendar, etc.