Araguaney, Fundación
Institución cultural privada constituída no 1984, en memoria do matrimonio formado por María Schnackig e Constantino Martínez. Rexida por un padroado presidido por Ghaleb Jaber Ibrahim, a fundación ten por obxectivo impulsar e dar a coñecer a cultura galega, así como promover o desenvolvemento do sector audiovisual mediante a organización de cursos, ciclos de conferencias, seminarios, concertos e outras exposicións artísticas. Entre as exposicións, destacan: Bienal Internacional de Pintura e Escultura, Mostra de Arte Galega Contemporánea, Exposición de pintura antiga (1989) e Exposicións na sala da fundación; entre as conferencias, cómpre citar: Seminario Regional Europeo, Conferencia sobre a UE e a moeda únicas, Conferencia sobre cultura e a realidade Palestina, Curso de Guinización para Televisión e Cine, Seminario sobre Audiencia de Medios. Participa no financiamento de investigacións e convocatorias de premios como o Premio Araguaney de Ouro. En 1991 editou o libro Ofrenda dos poetas galegos a Palestina. Ademais, esta entidade colabora na organización de distintos actos con entidades públicas e privadas e con numerosas asociacións culturais e benéficas como: COGAMI, UNICEF, Fase de Encontro, Médicos sen fronteiras, Proxecto Home, Cruz Vermella, etc.