Asunción, Basílica da

Asunción, Basílica da

Conxunto histórico composto pola igrexa da Asunción, o forno de Santa Mariña e o castro de Armeá. A igrexa románica, encargada por unha dama da casa de Figueira, quedou inconclusa. Non obstante , pódese advertir que a estrutura é dunha soa nave, sinxela, sobre unha cripta de bóveda oxival, na que se atopan laudas sepulcrais medievais, algunhas mesmo de tradición visigótica, e unha colección de xerriñas de cerámica. O segundo elemento que configura o conxunto é o forno de Santa Mariña, que se atopa sepultado baixo a igrexa e que mantén semellanzas coa Pedra Formosa de Briteiros (Portugal). Os muros do depósito para a auga, a cámara cuberta e a ábsida ultrasemicircular están formados por enormes pedras. Separando os dous primeiros tramos hai unha lousa de pedra monolítica, hoxe crebada na parte superior, que remata en forma de frontón. Nesta lousa ábrese unha porta con arco de medio punto delimitado lateralmente por dúas figuras en baixorrelevo moi deterioradas. Pode observarse tamén unha cruz na pedra, feito que se debe interpretar como un intento de cristianización dun culto indíxena ás fontes de propiedades terapéuticas. A fornalla é un elemento protohistórico, de planta ultrasemicircular, que mide 2,25 cm. O aparello é irregular e a bóveda está feita polo sistema de aproximación de fiadas; o oco superior tápase cunha lousa plana que ten un orificio no centro de 15 cm de diámetro. Todo o interior foi recuberto con cal e nalgúns sitios poden verse as pedras danadas polo lume. Para clarexar o sentido deste espazo singular formuláronse dúas hipóteses: a primeira, proposta por Conde-Valvís, establece a súa función termal; a segunda, proposta por Lourenzo Fernández, dálle o significado de forno crematorio para o rito da incineración. O terceiro elemento do conxunto é o castro de Armeá (ss IV-III a C - s IV d C). Ten planta ovalada e dous recintos: o exterior mide 452·247 m e o interior 378·115 m. As murallas de pedra presentan aparello irregular, pouco labrado. O perímetro do exterior é de 1.239 m e o interior de 948 m. A altura está entre 3 e 5 m, chegando nalgúns puntos a ter 3 m de ancho. Aínda se recoñeceron varias casas, circulares unhas e angulares outras. As escavacións feitas neste castro remóntanse ao ano 1955, cando baixo a dirección de Conde-Valvís apareceron dúas construcións que foron consideradas como vilas (aínda que hoxe non se ten a completa seguridade de que o sexan) e que proporcionaron mostras moi variadas de escultura. As anteditas construcións están separadas por unha rúa central contendo cada unha delas un vestíbulo e varias habitacións. Este castro identificouse como cibdade de Armenia ou, por algúns historiadores, como Mansión Salientibus, ao pé da vía XVIII de Bracara (Braga) a Asturica (Astorga). A escultura castrexa do castro de Armeá pode agruparse nos seguintes tipos: xeométrico, na decoración das portas e na ourivería; antropomorfo, entre as que cómpre salientar as “cabezas cortadas” e os “guerreiros galaicos” e zoomorfo, que se limita a unha cabeza de carneiro. O conxunto histórico da Basílica da Asunción foi declarado Ben de Interese Cultural o 16.05.1963.

Palabras veciñas

Asunción | Asunción | Asunción | Asunción, Basílica da | Asunta | asunto | Asur, Manuel