Asunción

Asunción
[ONOM]

Nome de muller que vén do latín assumptionem co significado de ‘acción de tomar ou atribuír’ na lingua clásica; mentres que, no latín eclesiástico, pasou a designar a ‘elevación da Virxe ao ceo’. Nome cristián xeralmente composto (María Asunción ou María Asunta), baséase na crenza popular -posteriormente reafirmada polos Padres da Igrexa- de que María ascendera gloriosa en corpo e alma ao ceo nunha nube e sen pasar pola morte. A celebración desta antiga festa, chamada nun comezo a ‘Dormición de María’, remóntase ao s V, en Palestina, e ao s VII, en Occidente. Non obstante , ata Pío XII este misterio non alcanza a categoría de dogma. A festividade da Asunción celébrase o 15 de agosto. A Asunción de María é titular de dúas parroquias e patroa de Vigo. Como antropónimo presenta a variante Asunta e os hipocorísticos Xona, Xonxa, Chon, Chona, Choncha, Chonchón e Niquiña. Na tradición oral recóllense cantigas como “Gavián temperán, santa María na man. Miñato temperán, a Asunción na man. Pola Asunción, as noites frías; os días, inda non”.

Palabras veciñas

asumir | asunción | Asunción | Asunción | Asunción | Asunción, Basílica da | Asunta