autómata

autómata

(< gr ἀυτόματος‘que se move só’)

  1. s

    Máquina que copia a figura e os movementos dun ser animado.

    Ex: O autómata da triloxía da Guerra das Galaxias chamábase C3PO.

    Sinónimos: robot.
  2. s

    Persoa que obra dun xeito mecánico e involuntario, levada por unha rutina.

    Ex: A miña vida rutineira facíame sentir un autómata.

    Sinónimos: robot.
  3. s

    Persoa sen vontade, que se deixa manipular por outros sen opoñer resistencia.

    Ex: O líder desa seita converteu os seus seguidores nuns autómatas que só actuaban polas súas ordes.

    Sinónimos: robot.
  4. s m [AUTOM/CIBERN]

    Máquina que por medio de dispositivos mecánicos, hidráulicos, pneumáticos, eléctricos, etc, é capaz de reproducir movementos semellantes aos dos seres animados. Coñecidos dende hai moito tempo, os autómatas foron presentando diferentes formas construtivas e tiveron principios de funcionamento moi diversos a través dos tempos. Cómpre mencionar os diferentes obxectos animados, estatuíñas, figuras, etc, utilizadas xa antigamente. Máis tarde comezáronse a construír verdadeiros autómatas movidos por mecanismos de reloxería de precisión e dunha gran complexidade. A miúdo eran obxectos decorativos e dun gran valor artístico, pero tamén houbo outros, como o xogador de xadrez de Kempelen, mecánico, ou o de Torres Quevedo, eléctrico, que son capaces de xogar unha partida. Entre os autómatas atópanse os robots, que poden efectuar operacións e manipulacións con gran precisión, e poden suplir os movementos humanos.

  5. s m [LING]

    Na gramática xenerativa, mecanismo análogo a unha máquina calculadora que permite enumerar todas as frases gramaticais dunha linguaxe; esta enumeración faise por medio de instrucións equivalentes ás regras da gramática desta linguaxe.

  6. autómata finito [MAT]

    Modelo matemático dun sistema que ten un número finito de estados de entrada e de saída -que representan as diferentes configuracións de signos (e estados internos) que sinalan a capacidade que ten o sistema para rexistrar os acontecementos pasados-, e onde o estado de saída depende en calquera momento da entrada presente e dos estados internos. Un autómata finito está definido polo conxunto finito dos estados de entrada, de saída e internos posibles; as relacións entre estes estados veñen dadas pola táboa de estados ou polo diagrama de estados, semellante a un ordinograma.