automática

automática

(

s f [AUTOM]

Ciencia e técnica dos sistemas automáticos. Este termo foi utilizado por primeira vez por Torres Quevedo, quen clasificou os elementos que compuñan os sistemas automáticos en órganos de acción, de medida, de goberno e de transmisión. A automática teórica, estudo do comportamento dos sistemas automáticos, ten relación coas matemáticas, coa teoría da información, a informática e a enxeñería. A automática práctica ocúpase dos diferentes tipos de sistemas automáticos. Os máis simples son os sistemas con programa cronométrico (por exemplo, o torno automático dirixido por levas). Cando o ciclo comeza, non é posible modificalo; ademais carece da posibilidade de autocorrección. O segundo tipo en canto a complexidade está formado polos sistemas de conmutación por secuencias (por exemplo, os ascensores con memoria, pero sen programa); posúen funcionamento automático, pero non autocorrección. O deseño destes sistemas utiliza a álxebra de Boole ou álxebra lóxica. Un terceiro tipo está constituído polos servosistemas, que se diferencian dos precedentes porque posúen autocorrección a través dunha cadea de retroacción. Un cuarto tipo de sistemas automáticos son os sistemas autoadaptativos (perceptrón), nos cales a estrutura é variable, adaptada a cada caso (o home ten esta facultade nun grao moi elevado). Finalmente estarían os sistemas autodidácticos, nos que o programa de tratamento da información pode ser perfeccionado pola autoaprendizaxe; teñen unha aplicación especial no recoñecemento de formas e de sons.

Confrontacións

cibernética