avión
(
-
s
m
[AERON]
Aeronave provista dun grupo propulsor e de planos sustentadores ou ás fixas durante o voo. Os elementos constituíntes do avión son a á, a fuselaxe, o grupo propulsor, as empenaxes de cola e o tren de aterraxe, que soen estar dispostos simetricamente en relación á fuselaxe, agás nalgún caso especial no que a configuración do avión é radicalmente asimétrica (Blohm Voss BV-141). Os movementos dun avión teñen lugar ao redor de tres eixes que pasan polo seu centro de gravidade: o eixe lonxitudinal ou de bambeo, que vai de proa a popa da fuselaxe; o eixe lateral ou de cabeceo, que é perpendicular ao plano de simetría do avión, e o eixe normal ou de guinada, que é perpendicular aos outros dous. Os movementos do avión contrólanse accionando os temóns, que o piloto manipula mediante os mandos de voo. A á é o elemento que permite a sustentación do avión. Un alongamento grande da á aumenta a velocidade ascensional, a duración do voo, o teito e o radio de acción. A influencia da resistencia é de signo contrario á do alongamento. Unha carga alar elevada supón unha velocidade crítica alta e, polo tanto, unha velocidade de aterraxe tamén alta, unha velocidade máxima elevada e unha capacidade de manobra reducida. Na fuselaxe está o espacio destinado á pasaxe, á tripulación e á carga. Se esta fuselaxe non existe como tal, entón a aeronave é unha á voadora. As empenaxes contribúen a manter a estrutura da á na posición axeitada durante o voo, e para iso teñen un elemento vertical ou deriva, cunha superficie móbil (temón de dirección), e un elemento horizontal ou estabilizador provisto doutra superficie móbil (temón de profundidade). O temón de dirección controla os movementos de guinada, e o de profundidade os de cabeceo, mentres que o movemento de bambeo está controlado polos aleróns. O estabilizador vai montado na popa da fuselaxe, agás no caso dos avións canard, nos que vai situado a proa. De non existir estabilizador, o avión contrólase mediante superficies de control (elevóns) montadas na á e que fan as funcións de temón de profundidade e de alerón. A empenaxe vertical, situada a popa, pode estar disposta por riba ou por baixo da fuselaxe e, nalgúns casos, nos extremos do estabilizador. A existencia do grupo propulsor diferencia o avión do veleiro e do planador, que son aeronaves sen motor. Os sistemas de propulsión poden ser aeróbicos ou anaeróbicos. Os primeiros, nos que se aproveita a enerxía da combustión para acelerar unha masa máis ou menos grande do aire que flúe ao redor do avión, poden ser clasificados, segundo o xeito como aceleren a mencionada masa de aire, en grupo motor alternativo-hélice, grupo turbopropulsor, grupo turborreactor e estatorreactor. Nos segundos, chamados motor-foguete, o escape dos gases de combustión orixina, por reacción, unha forza de propulsión en sentido contrario ao escape. O tren de aterraxe pode estar formado por rodas ou patíns (avións terrestres) ou flotadores (hidroavións), e pode estar totalmente montado na fuselaxe ou nesta e nas ás. Na maior parte das ocasións, as rodas do tren son repregables para poder eliminar a resistencia que produce o tren despregado na marcha do avión. Os avións pódense clasificar atendendo a diversos aspectos. Segundo o número de ás, poden ser monoplanos, biplanos e, en xeral, multiplanos; os monoplanos poden ser de á baixa, de á media ou de á alta, segundo a situación da á respecto do eixe da fuselaxe. Polo número de motores, clasifícanse en monomotores, bimotores e, en xeral, polimotores. Segundo as funcións ás que sexan destinados, pódense dividir en avións militares e avións civís; entre os primeiros hai o avión de bombardeo ou bombardeiro, o avión de caza, caza ou interceptor, o caza-bombardeiro, o avión de recoñecemento, o avión antisubmarino, o avión de abastecemento, etc; e entre os segundos, o avión de carga, o avión de pasaxeiros, o avión de turismo e de deporte ou avioneta, etc. Dende un punto de vista aerodinámico, clasifícanse en avións subsónicos de baixa velocidade, avións subsónicos de alta velocidade, avións transónicos, avións supersónicos e avións hipersónicos. A velocidade normal durante o voo define o réxime do voo, limitado polo número de Mach (M). Se M é inferior a 0,6, o réxime é subsónico de baixa velocidade; se está comprendido entre 0,6 e 0,8, é subsónico de alta velocidade; para valores de M entre 0,8 e 1,2, o réxime é transónico; entre 1,2 e 5, supersónico; e por riba de 5 (máis de 6.000 km/h), hipersónico. No réxime supersónico e, sobre todo, no hipersónico, cómpre considerar o efecto do quecemento cinético ou barreira de calor. Nos primeiros tempos da aviación, o material básico para a construción de avións foi a madeira, pero durante a Primeira Guerra Mundial probouse a estrutura reticular metálica. A partir do 1919 comezáronse a empregar metais lixeiros (aliaxes de aluminio) para construír estruturas e revestimentos totalmente metálicos. Durante a Segunda Guerra Mundial empregouse de novo a madeira, pero máis adiante, nos EE UU, substituíuse progresivamente por láminas de aluminio. Modernamente se fabrican contrachapados coa alma dun material plástico escumoso ou de estrutura en niño de abella, que os dota dunha gran resistencia mecánica e á calor.
Sinónimos: aeroplano. Confrontacións: aeronave. -
avión de transporte
[AERON]
Avión especialmente acondicionado para transportar mercadorías ou pasaxeiros. Normalmente son aproveitados para efectuar tamén o transporte de carga. Así, o Boeing 747 e o Lockheed L-500 teñen unha capacidade de carga de 100-150 toneladas e poden acadar unha velocidade máxima preto dun número de Mach de 0,8. A utilización do avión reactor altamente subsónico é habitual en todos os países, pois permite voar a maior velocidade e a máis altura. Para voos en distancias curtas ou medias os avións de turbohélice ou, máis limitadamente, de hélice, avantáxano sensiblemente. A tendencia actual no transporte de pasaxeiros vai cara ao avión tipo Airbus para servir en liñas de gran densidade de tránsito. Teñen tamén grande interese as fórmulas VTOL e STOL, pero o ruído crea graves dificultades nas áreas poboadas.
-
avión militar
[AERON]
Avión especialmente acondicionado para usos militares. Deles hai moi diversos tipos: o avión de bombardeo ou bombardeiro, que está destinado ao bombardeo de obxectivos militares inimigos; o avión de caza, tamén chamado caza ou interceptor, que ten basicamente as misións de interceptar e destruír os bombardeiros inimigos; o avión de caza e bombardeo ou caza-bombardeiro, que reúne características dos dous anteriores; o avión de recoñecemento, que soe ser un avión de caza ou de bombardeo adaptado ao transporte de equipos fotográficos ou doutros aparellos de observación; ou o avión de transporte, xeralmente unha versión militar do avión de transporte civil. A tendencia actual é a de deseñar avións polivalentes que permitan acometer misións de diferente natureza.
-
avión STOL
[AERON]
Tipo de avión proxectado para efectuar as manobras de despegue e aterraxe cunha lonxitude de pista moi curta. As manobras non se fan seguindo traxectorias perfectamente verticais.
-
avión VTOL
[AERON]
Tipo de avión deseñado para efectuar as manobras de despegue e aterraxe sen case ningunha lonxitude de pista. As manobras efectúanse verticalmente.